8 de abr. de 2021

A GUARDA

A Guarda retoma a programación cultural cunha variada programación polo Día do Libro  

• Chegada a primavera o concello retoma a habitual a actividade cultural con propostas deslocalizadas, ao aire libre e con aforos reducidos.  

• A primeira proposta será o  venres 16, na Praza do Reló, cun espectáculo de circo inspirado en “O Principiño”, de  Antoine de Saint-Exupery  




Infogauda / A Guarda

 No transcurso do inverno que vimos de pasar, caracterizado pola pandemia que estamos a sufrir e polas restriccións sanitarias, o equipo de goberno do Concello de A Guarda acordou suspender os eventos públicos evitando así as concentracións de xente nos interiores. Mais chegado o momento no que os días crecen e o sol favorece o paseo, e cun datos epidemiolóxicos máis favorables, o executivo local considerou oportuno recuperar a actividade cultural, reivindicando que a cultura é necesaria, incluso mais que en outros momentos, para ir superando esta situación. Dese xeito creou unha programación que xira arredor do Día do Libro, que arrancará o vindeiro venres 16 de abril ás 19:00 horas, na praza do Reló, co espectáculo de circo “Riscando o Ceo”, da compañía Circo Chosco. 




 “Riscando o Ceo”, está inspirado no clásico da literatura infantil “O Principiño”, porque o esencial é invisible aos ollos, só se ve ben co corazón. A proposta escénica, que mestura humor, maxia, risco, malabar, acrobacias e equilibrios imposibles, foi escollida como arranque da programación polo seu contido desenfadado e poder desenrolarse ao aire libre.  

 Para este evento que está recomendado para tódolos públicos e moi especialmente ás familias, é preciso anotarse previamente en cultura@aguarda.es

 Na seguinte semana desenvolveranse outras actividades como os “puntos de libros”, que caracterizados coa temática mariñeira que nos identifica, permitirán aos veciños levar un libro de agasallo. Estes puntos estarán situados no Concello, na Praza de Abastos e na Biblioteca Municipal e contan coa colaboración de O Piueiro e a comisión de Festas da Virxe do Carme.  

 Nesa semana colocarase tamén un mural na entrada da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda para que os seus usuarios poderán deixar as súas mensaxes e comentarios. 

 O sábado 24, ás 12:00h., no Centro Cultural terá lugar a segunda proposta escénica, adicada desta volta aos mais pequenos da casa e da man da compañía Migallas cos seus “Contos do Chupete”,  tamén con inscrición previa. 

 E xa para rematar, entre os días 23 de abril e 22 de maio, aquelas persoas que realicen compras de libros nas librerías de A Guarda por valor de 30€ ou mais, obterán un bolso de agasallo na Biblioteca Pública Municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario