9 de abr. de 2021

A GUARDA

A CIG traslada as protestas pola represión sindical en Depósitos Coballes do Rosal a un negocio familiar 

· Desenvolveu unha concentración na ferraxería Coballes da Guarda


         Delegadas/os da CIG concentradas nas beirarrúas diante do establecemento ferraxería Coballes - Fotos: CIG




Infogauda / A Guarda 

 A CIG continuou hoxe coas mobilizacións para rexeitar o clima de represión sindical e de acoso laboral que padece parte do cadro de persoal de Depósitos Coballes do Rosal. Nesta ocasión desenvolveu unha concentración diante da ferraxería Coballes da Guarda, pertencente á familia propietaria da empresa, para deixar moi claro que “non imos permitir que traten os traballadores/as como escravos/as”, en palabras do secretario comarcal, Alberto Gonçalves. 

 A protesta desta mañá produciuse despois da manifestación que tivo lugar o pasado 18 de marzo nas inmediacións da propia compañía con sede no Rosal para denunciar a situación que están a vivir as persoas afíns ao sindicato e os propios membros do comité de empresa dende que os empregados/as decidiron escoller representación sindical por primeira vez en moitos anos.  

 De feito, a dirección mesmo despediu o traballador máis activo sindicalmente días antes da presentación do preaviso do proceso electoral, ao tempo que sancionou a varios compañeiros. Por iso dende a central sindical reclaman a súa readmisión e a retirada dos expedientes sancionadores. Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, quixo deixar moi claro que o sindicato non negociará nada coa empresa mentres isto non se produza.  

Convocatoria de folga  

 “O único 'delito' que cometeron os afectados foi presentarse na candidatura da CIG, polo que o está a acontecer con eles é un ataque ao conxunto da central sindical; así que teñen que saber que imos continuar coas mobilizacións até que non cese este clima de represión sindical e de acoso laboral, que continúa e mesmo se intensificou dende que iniciamos as protestas”, asegurou Gonçalves.  


                                        O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves adiantou as accións que baralla o sindicato


 Adiantou que o sindicato baralla adoptar medidas de presión máis contundentes, sen descartar incluso unha convocatoria de folga en Depósitos Coballes. “Que non pensen que as protestas van ter lugar unicamente diante da empresa”, advertiu. “Non imos permitir que traten os traballadores/as como escravos/as; as empresas son donas dos medios de produción, pero non das nosas vidas”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario