16 de abr. de 2021

A GUARDA

Celebración do Día do Libro con propostas variadas

• O obxectivo da campaña céntrase en visibilizar a importancia da lectura e da literatura no noso día a día, así como incentivar o consumo nas librerías da localidade





Infogauda / A Guarda

 “As estatísticas nos din que na presente pandemia o tempo de lectura veuse incrementado marcando récords históricos, un costume que veu para consolidarse pois mantívose mais aló do tempo do confinamento estrito. Partindo deste feito e da premisa de que a lectura ao igual que o resto de propostas culturais nos aporta intanxibles que alimentan os nosos espíritos, alegran o noso día a día e que agora necesitamos tanto ou incluso mais, nace a campaña en torno ao día do libro na Guarda con actividades que conteñen dende o agasallo de libros na rúa, a confección dun mural con choiva de ideas, dous espectáculos para nenos e a I Ruta do libro para premiar o consumo nas nosas librerías”. Esa é á reflexión que desde o Concello de A Guarda vén de facer á concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, na presentación das actividades conmemorativas do Día do Libro.

ESPECTÁCULOS INFANTÍS 

 As propostas escollidas para o entretemento das familias combinan o humor e a música. Así esta semana estréase o espectáculo “Riscando o Ceo” con pallaso, acrobacias e malabares na Praza do Reló, o venres 16 de abril ás 19h. A cargo da compañía Circo Chosco que se inspirou no conto do Principiño porque nos ensina a ver a realidade desde perspectivas diferentes “deixando o importante para ver co corazón” créase unha proposta moi visual e próxima, que fai ao público viaxar co perigo e a risa.


Os membros da compañía Migallas ofreceránnos a proposta “Contos do Chupete” 

  

 A vindeira semana será o momento para os mais pequenos, coa proposta “Contos do Chupete”, da compañía Migallas. Unha sesión de contos pensada para os mais pequenos da casa (0 a 5 anos) na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. A cita será no Centro Cultural o 24 de abril ás 12.00h. cun aforo moi limitado. Precisa a inscrición previa no correo electrónico: aguarda.rbgalicia@eidolocal.es ou no teléfono  649 327 525 (de 17 a 20h), anotando só a un adulto acompañante por cada menor asistente. 

AGASALLO DE LIBROS E MURAL NA BIBLIOTECA 

 Na semana do libro, a partir do día 20 de abril iniciarase unha iniciativa de agasallo de libros en diferentes puntos da localidade. Concretamente na sede do Concello, na Praza de Abastos e no Centro Cultural, instalaranse uns puntos con libros para que os veciños poidan levar como agasallo. Estes puntos de agasallo contan coa colaboración da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro e a Comisión de Festas da Virxe do Carme, que prestaron e decoraron as tradicionais gamelas do Carme para unir á iniciativa a personalidade mariñeira da nosa vila. 


Unha das gamelas das regatas na honra da Virxe do Carme que está exposta no Centro Cultural da vila 
Fotos: C.A.G.


 E  22 de abril, na véspera do Día do Libro, instalarase no vestíbulo da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda, un mural, tamén de temática mariñeira, que invitará aos usuarios a completar con frases e mensaxes sobre o significado dos libros e a biblioteca para os lectores, continuando a iniciativa que tan bo éxito acadara no 2020 a través das Redes Sociais. 

I RUTA DO LIBRO 

 A última das iniciativas desta edición centrarase xa no aspecto comercial dos libros incentivando súa adquisición nas librerías da localidade. 




 A Guarda conta con 4 librerías o cal supón unha ampla oferta comercial e cultural, e por iso dende o Concello de A Guarda quérese chamar a atención sobre esta importancia, e fomentar a compra de libros no pequeno comercio local,  fronte a crecente venta en liña, e dese xeito apoiar a figura do libreiro, como facilitador e asesor de novidades.  

 A proposta para este fin consiste en premiar a aqueles veciños que empreguen un mínimo de 30€ en libros nas librerías guardesas. Estes veciños só terán que xuntar os tickets de compra que acrediten ese gasto e ensinalo na Biblioteca Pública Municipal de A Guarda, onde poderán recoller unha bonita bolsa para transportar libros.   

 O gasto de 30€ pode ser en 1 ou mais libros, así como en unha ou mais dunha librería. Iso sí, non se contabilizará o gasto en outro material a vender nas librerías como xornais, revistas, mochilas, material de papelería, etc.. 

 Ademáis desta iniciativa, convén recordar que o mesmo Día do Libro - 23 de abril -,  as librerías realizan un 10% de desconto nos libros, polo que sempre é un bo momento para agasallar a un ser querido ou a un mesmo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario