10 de abr. de 2021

A GUARDA

OBITUARIO

FALECEU MANUEL GONZÁLEZ DADÍN, MESTRE CARPINTEIRO DE RIBEIRA


Manuel González Dadín - Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 No noso camiñar cotiá atopámonos coa tristeira nova do pasamento de Manuel González Dadín, que finou o día 7 deste mes de abril de 2021, aos 87 anos de idade. Na mañá de onte foron oficiadas as honras fúnebres na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, sendo soterrado no cemiterio parroquial da vila, onde tamén repousan os restos mortais dos seus proxenitores, Dolores e Manuel.

 Ao saber do óbito de Manuel González Dadín véñennos a mente varias lembranzas del, a quen este cronista, coñeceu desde moi novo, cando sendo un rapaz xa estabamos comezando - antes de tempo - nosa andaina laboral. Daquela Manuel residía coa súa dona e fillas, na vivenda familiar de Camposancos.

 Posteriormente, aquel adolescente doutrora, traballou moi preto de Manuel, no exterior do seu obradoiro do Portiño, onde o mestre carpinteiro de ribeira construía, sen présas, gamelas xenuinamente guardesas. Lembro que naquela altura, empregaba chapa mariña, para o fondo, costados, proa e popa; e madeira de piñeiro para os remos, cana do temón e temón.

 Daquela eu souben, en primeira persoa, como era o microclima invernal nos arredores do matadoiro municipal de A Guarda, onde en boa hora, desde fai anos, ten súa sede o Club de Remo Robaleira, logro magnífico para á xuventude guardesa, que honra seu pobo adestrando e competindo con outros mozos e mozas de pobos irmandados por ese deporte, que ademáis dos trunfos deportivos, xeran benestar e saúde na xuventude e nas familias.

 Naquel modesto obradoiro, na rúa Rosal, preto do Muiño de Abaixo, onde anos máis tarde, faría súa nova vivenda, realizaba Manuel súa actividade productiva construíndo gamelas, en díálogo cos mariñeiros que lle encomendaban súas encargas. 

 Lembro que nas conversas, Manuel acompasaba súas verbas cos acenos inconfundibles do seu brazo dereito, con esa impronta súa tan característica, que remarcaban súa dicción e seus coñecementos de mestre carpinteiro de ribeira, con demostrada experiencia e profesionalidade na construcción de embarcacións de pesca de maior tonelaxe de rexistro bruto (TRB) - como o que fixo para o gratamente lembrado Antonio Adrover González "Parejista" - nunha etapa precedente a súa emancipación como traballador, pasando a ser un emprendedor. Consciente que, agás imprevistos non desexables, ese é o roteiro cara a unha maior responsabilidade e tamén a un maior progreso material e persoal. Non exento, obviamente, dun maior risco no plano económico.

 Compre lembrar que por Resolución do Ministerio de Obras Públicas (Dirección General de Puertos y Señales Marítimas), publicada no Boletín Oficial del Estado nº 35, correspondente ao día 10 de febreiro de 1965 "sobre concesión de autorización a don Manuel González Dadín para la ocupación de una parcela y la construcción de determinadas obras en la zona marítímoterrestre de la margen derecha del rio Miño, en el Pasaje. Camposancos. 

 De Orden de esta fecha, esta Dirección General, por delegación del excelentísimo señor Ministro, ha resuelto: 

 Autorizar a don Manuel González Dadin la ocupación de una parcela en la zona marítímoterrestre de la margen derecha del río Miño, en el Pasaje Camposancos, término municipal de La Guardia, con destino a varadero para la construcción y reparación de embarcaciones menores, con arreglo a las condiciones que se determinan en la expresada Orden. 

 Madrid, 27 de enero de 1965.—El Director general. Fernando Rodríguez Pérez".

 Esa Resolución ministerial acredita o emprendemento de Manuel González Dadín na devandita ubicación.

 Manuel, fillo de Dolores Dadín Magdalena e de Manuel González Dadín, veciños que foron da rúa Malteses, onde residían na casa de seu, con tenda de alimentación aberta ao público; era un home de fortes conviccións, coas que podiamos coincidir ou disentir, máis que en todo caso, el tiña clara e formada a súa particular opinión que expuña diante daquelas persoas coas que tiña trato amical ou por vencellos das súas respectivas afeccións a actividade cinexética, ou por outras razóns. Conversar con Manuel era un verdadeiro pracer, ainda sabendo que con toda probabilidade non ía producirse unha coincidencia de criterios. En todo caso, os diálogos sempre concluían de xeito cordial e respectuoso.

 Manuel González Dadín era un verdadeiro sabio. Un home que coñecía os segredos da súa profesión, que mesmo abranguía outras disciplinas, nas que a xeometría e as matemáticas, eran fundamentais para afrontar e resolver satisfactoriamente, retos de gran calado.

 Botarémolo de menos.

 Nosos respectos a súa dona Elena Lorenzo Alonso, as súas fillas Loli, Nieves e Lita González Lorenzo; aos seus fillos políticos, Armando, Miguel e Luis; netos, netos políticos, bisnetos, e demáis familia.

1 comentario:

  1. ME ACABO DE ENTERAR QUE FALLECEU MEU VECIÑO D.E.P
    Acompaño no sentemento a toda sua familia
    D.E.P

    ResponderEliminar