Aprobado inicialmente o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais (PMPDIF)
• Por unanimidade da Corporación Municipal do Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Logo de haber recibido a principios do mes de febreiro, o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais; a Corporación Municipal acordou a adhesión do Concello de A Guarda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa de incendios forestal,
Unha vez sometido a aprobación inicial na sesión plenaria do pasado 26 de marzo, atópase arestora en exposición pública e audiencia dos interesados (veciños e comunidades de montes) por prazo de 20 días que poderán consultar e incorporar as alegacións ou suxerencias que estimen pertinentes.
O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais elabórase, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, co obxectivo de definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas.
O fin principal é o de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas. Para iso é necesario ter as franxas definidas e poder requirir a súa limpeza aos propietarios. Os titulares das parcelas incluídas nesta rede de faixas secundarias, localizadas arredor dos núcleos de poboación, vivendas illadas ou edificacións, están obrigados a xestionar a biomasa forestal.
A biomasa en ditas franxas deberá estar xestionada antes da finalización do mes de maio de cada ano, é dicir, sen eucaliptos, acacias, piñeiros, silvas, toxos, fentos, etc., favorecendo a descontinuidade vertical e horizontal destas. Dita xestión será de obrigatorio cumprimento polos propietarios destas parcelas e, no suposto de incumprimento, a administración pública competente, de oficio ou a solicitude de persoa interesada, enviará á persoa responsable unha comunicación no que se concederá un prazo de quince días para a execución da mesma, con apercibimento de execución subsidiaria con repercusión dos custos da xestión, e no seu caso, comiso das especies prohibidas, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario