26 de mar. de 2021

VIGO

O Consello Escolar Municipal de Vigo pronúnciase contra o derrubamento da EEI Santa Marta

A moción, proposta pola CIG-Ensino, considera inxustificado o traslado

Santiago Rodríguez Sánchez* / Vigo 

 O Concello de Vigo segue sen comunicar prazos de execución de obras no Barrio do Cura que xustifiquen o traslado da EEI Santa Marta-Casco Vello coa urxencia que se pretende, pois aínda que a reurbanización deste barrio prevé a desaparición do actual edificio da escola e a construción dunha nova, non constan solicitudes para a execución de ningún tipo de obras no Barrio do Cura segundo foi informado pola Xerencia de Urbanismo. 

 Malia todo, o Concello continúa co seu proxecto de traslado e derrubamento, sen ofrecer prazos para as actuacións implicadas e sen considerar os perxuizos que ocasionará ao ensino na cidade. 

 O sindicato congratúlase coa oferta de prazas de 0 anos para o vindeiro curso; porénmantén a preocupación polas traballadoras da escola dadaa posibilidade de reubicación do alumnado noutras escolas nun curso no que, ademais, pode finalizar a xestión de Santa Marta pola actual empresa adxudicataria. Esa reubicación podetraer graves trastornos ás familias. A conxelación da oferta de 1 e 2 anos é outro perxuízo habida conta da demanda existente. 

 O traslado da escola ao edificio do Instituto Municipal de Educación, no Camiño do Chouzo, a 1,5 km., obriga á realización de obras de reforma e acondicionamento para o novo uso, e, ademais, ao desaloxamento previo do Centro de Formación e Recursos que atende a todo o profesorado e centros educativos do sul da provincia. Tampouco se dá a coñecer ningunha previsión de reubicación nin de prazos para estas actuacións. 

 Crear tanta incerteza nun ámbito tan sensíbel como o da educación infantil, e coincidindo co período de admisión, é prexudicial en si mesmo, como xa ten alertado o Consello Escolar Municipal noutras ocasións por actuacións doutras administracións. 

 Non se debe esquecer o fundamental: o Concello debe garantir a continuidade da EEI Santa Marta-Casco Vello, explicar a suposta urxencia para o derrubamento da EEI Santa Marta einformar das previsións sobre a futura escola infantil contemplada na reurbanización do Barrio do Cura. Se o Concello considera inevitábel o traslado, debe actuar con total transparencia, datos técnicos e prazos, ecunha planificación previa queasegure a continuidade dos servizos actualmente operativos, tanto da EEI Santa Marta como do Centro de Formación e Recursos. 

* Membro da CIG-Ensino

Ningún comentario:

Publicar un comentario