25 de mar. de 2021

OIA

A Xunta de Galicia licita a restauración da igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia para corrixir as humidades e favorecer o seu mantemento e estética por máis de 800.000€  

· O delegado territorial da Xunta, Luis López, anuncia a apertura do proceso de contratación nunha visita ao templo coa alcaldesa, Cristina Correa, e fixa o remate desta rehabilitación para o primeiro semestre de 2022

· A igrexa, catalogada como Ben de Interese Cultural e un dos principais referentes do Camiño Portugués da Costa, vai renovar fachadas, cubertas e carpintarías, mellorar as condicións de ventilación e acondicionar o adro 

 

A apertura do proceso de contratación vén de ser anunciada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López - no centro da imaxe -, nunha visita ao templo coa alcaldesa, Cristina Correa - Fotos: X.G.

 

Infogauda / Oia 

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acaba de licitar as obras de restauración e rehabilitación da igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia, orientadas a corrixir as humidades e favorecer o seu mantemento e estética, por un importe de 829.000€.

 A apertura do proceso de contratación vén de ser anunciada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita ao templo coa alcaldesa, Cristina Correa. “Trátase dunha obra fundamental para mellorar as condicións xerais, a conservación e a imaxe deste Ben de Interese Cultural (BIC) que ademais é un dos principais referentes do Camiño Portugués da Costa”, significou o representante autonómico, que lembrou que esta actuación é plurianual e ten un prazo de execución de nove meses, polo que o seu remate está previsto para o primeiro semestre do vindeiro ano 2022.

 

A alcaldesa de Oia co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e un concelleiro, diante da fachada principal da igrexa de Santa María de Oia
 

 Luis López revelou que a restauración desta igrexa de Oia “é a de maior calado no ámbito do patrimonio que vai desenvolver a Xunta este ano na provincia de Pontevedra e unha das de maior importancia de toda Galicia, algo merecido e necesario posto que se trata dunha das xoias culturais xacobeas neste dobre Ano Santo”. En concreto, a Xunta está a destinar na actualidade 3 millóns de euros á mellora dunha ducia de bens patrimonais na provincia de Pontevedra, como a igrexa de Santo Estevo de Negros (Redondela) ou a recentemente rematada de Santa María de Baiona, entre outras.

Contido das obras

 En canto ás obras na igrexa do Mosteiro de Oia, permitirán mellorar mellorar as patoloxías derivadas da entrada de auga, así como resolver os problemas pola falla de mantemento e conservación. O proxecto prevé que as principais actuacións se centren nas fachadas e cubertas, así como en mellorar as condicións de ventilación.

 Para iso modificaranse os aleiros, co fin de evitar a entrada de auga pola cabeza dos muros, restaurarase a cuberta do faldón norte e rebaixarase a cota do terreo arredor das fachadas leste e sur da igrexa. Así mesmo, tamén se eliminarán os rexuntados interiores de cemento e cambiaranse as actuais carpinterías deterioradas e sen ventilación por outras de aceiro inoxidable negro con ventilación permanente.

 As obras previstas na igrexa de Santa María de Oia tamén inclúen a apertura da antiga comunicación entre a sancristía e a torre do campanario, co acondicionamento do adro da igrexa completando a actual pavimentación en granito e coa execución dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e residuais de todo o conxunto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario