Medio Ambiente licita por 58.000 euros a redacción do proxecto de rehabilitación dun inmoble no casco histórico de Tui
Foto: X.G.
A Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adquiriu esta vivenda, situada no
número 20 da rúa Obispo Castañón, a través da oferta pública de compra
de inmobles do programa Rexurbe
Infogauda / Tui
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar o contrato para a redacción do proxecto, e dirección de obra, para a rehabilitación dun edificio situado no número 20 da rúa Obispo Castañón, no Concello de Tui, co fin de destinalo a vivenda de protección pública. O importe deste contrato é de 58.000 euros, ao que se poderán presentar ofertas ata o vindeiro 26 de abril.
Este inmoble do casco histórico foi adquirido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo a través da oferta pública de adquisición de inmobles do programa Rexurbe, por un importe de 195.005 euros, co fin de rehabilitalo e habilitar vivendas públicas. A parcela na que se localiza é de 385 m2.
Segundo o contrato público, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de tres meses para redactar o proxecto de obra, que será o documento que a Xunta empregue para executar os traballos que permitan a recuperación do inmoble e no que se definirán as características e distribución do mesmo.
Cómpre recordar que este concello pontevedrés tamén conta cunha área de rehabilitación integral (ARI), e na convocatoria do ano 2020 se lle consignou unha partida de 48.400 euros, para promover actuacións de rehabilitación entre os veciños do casco histórico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario