27 de mar. de 2021

A GUARDA

A Corporación Municipal do Concello de A Guarda aprobou en pleno as bases de axudas ás empresas que tiveron que pechar pola Covid-19

• As axudas, por importe de 55.000€,  van dirixidas aos establecementos afectados polo peche decretado o 26 xaneiro de 2021 

• Pódense empregar para cubrir gastos de arrendamento, electricidade, cotas de autónomos, seguros,…

 

Na imaxe, un momento da sesión ordinaria do Pleno celebrado na tarde-noite de onte pola Corporación Municipal do Concello de A Guarda - Foto: C.A.G.

 

Infogauda / A Guarda

 No pleno ordinario da Corporación Municipal do Concello de A Guarda, celebrado onte venres día 26 de marzo de 2021, aprobáronse por unanimidade as bases reguladoras da liña de axudas directas aos establecementos afectados pola Covid-19 por un importe total de 55.000€. 

 Estas axudas van dirixidas aos establecementos afectados polo peche obrigatorio decretado pola Xunta de Galicia con data de 26 de xaneiro de 2021, e están destinadas ao pagamento de gastos de funcionamento das empresas coma arrendamento, electricidade, cuotas de autónomos, seguros, etc. Se establece unha contía máxima de 700€ por establecemento/empresa. 

 As empresas afectadas por este peche poderán solicitar as axudas en canto se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). 

 O Concello de A Guarda destina o 1% do seu orzamento anual a axudas ás empresas para gastos derivados da covid. 

 Durante as pasadas semanas estivo aberta a convocatoria para que os negocios de hostalería, comercio e servizos se beneficiasen das axudas directas que lles podan axudar a sufragar todos aqueles gastos engadidos que a pandemia está a xerar nos seus negocios, como pode ser a compra de hidroxel, mamparas ou outros elementos de protección, etc. Arestora estas. 

 Os empresarios e empresarias da vila contan cunha nova convocatoria de axudas, que arestora se atopa en proceso de tramitación e que ten como obxectivo apoiar ás microempresas e autónomos da localidade a través da posta en marcha dunha campaña na que se fomentará o consumo local coa posta en circulación de bonos de compra que poderán ser utilizados pola cidadanía nos establecementos de hostalería, comercio ou servizos que desexen adherirse á campaña e que cumpran os requisitos de participación.  

 Estas medidas veñen a complementar todas aquelas outras que se foron implantando desde o inicio da pandemia para reducir o impacto da Covid-19 e que pretendían e pretenden contribuír á reactivación económica da vila como son: 

- A redución na taxa do lixo para negocios. 

- A exención de pago das taxas por ocupación de vía pública para as terrazas durante 2020 e 2021.  

- Habilitación dunha sección específica na web de Turismo na que se ofrece información actualizada sobre normativa, subvencións ou axudas dirixidas á hostalería, así como posta a disposición do persoal da propia oficina de Turismo para solucionar dúbidas.  

- Posta en marcha da campaña #NonRompasOCírculo dirixida a sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre o consumo local. 

- A creación da plataforma de venda en liña www.mercanaguarda.com 

- Formación presencial sobre xestión do risco da Covid-19 na hostalería, así como un servizo de asesoramento telefónico para os negocios participantes. 

- Publicación de listaxes de establecementos comerciais que ofrecían servizo a domicilio durante o confinamento. 

- Publicación durante o confinamento, e durante o actual período de severas restricións na hostalería, de listaxes actualizadas de restaurantes, bares e cafeterías con servizo de comida ou bebida para levar ou que ofrecen entrega a domicilio.  

- Publicación de listaxes actualizadas dos establecementos do mercado municipal con servizo de pre-encarga e/ou entrega a domicilio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario