10 de mar. de 2021

LABORAL

A CIG, CCOO e UGT mobilízanse de novo polo novo convenio provincial do metal de Pontevedra 

Delegados/as das tres centrais sindicais levarán a cabo unha concentración de 11:00 horas a 12:00 horas en UROVESA en Valga

 

Infogauda / Pontevedra

 A CIG, CCOO e UGT continuarán este xoves día 11 de marzo co calendario de mobilizacións convocado en resposta á decisión da patronal do metal pontevedrés de suspender as negociacións para renovar o convenio colectivo provincial. 

 Delegados/as das tres centrais sindicais levarán a cabo unha concentración de 11:00 horas a 12:00 horas en UROVESA en Valga (diante desta empresa do presidente da patronal ASIME, membro da mesa negociadora). 

 Esta mobilización é continuidade da celebrada o pasado 1 de marzo en Vigo diante doutro presidente da patronal ATRA (membro a súa vez tamén da mesa negociadora). 

 A decisión dos sindicatos chega tras 14 xuntanzas e unha vez que o empresariado rompeu as negociacións, levantándose da mesa e mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións. 

 "Ante a imposibilidade de chegar a acordos cunha patronal instalada nunhas lóxicas de precarización e empeoramento das condicións de traballo, as centrais apostamos por sair á rúa para visibilizar a necesidade que teñen os traballadores/as do sector dunha modernización do convenio, con redución de xomada, subrogación, licenzas, limitación dos centros especiais de emprego, acoso laboral, contratación indefinida, categorías, plans de igualdade, dietas, plus de gardas e unha suba salarial acorde o esforzo que os cadros de persoal fixeron durante todo este tempo de pandemia. 

 Durante este mes marzo celebráranse de novo asembleas de traballadores/as do sector, para analizar os intentos da patronal de precarizar aínda máis o sector e as novas medidas a tomar. 

 Dende a CIG, CCOO e UGT facemos un chamamento a participar tanto nas protestas como nas asembleas como único xeito de lograr unha mellora das condicións laborais", indicaron portavoces das tres centrais sindicais. 

 As 11:30 horas os responsables de cada unha das federacións da CIG, CCOO e UGT farán unhas declaracións públicas no propio acto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario