A CIG denuncia explotación laboral, fenda salarial e vulneración do dereito de conciliación nunha concesionaria do 061
A Inspección de Traballo sancionou a Ambulancias do Atlántico por contratar a unha traballadora sen dala de alta na Seguridade Social
Infogauda / Vigo
A FGAMT-CIG denuncia “as condicións de explotación laboral, fenda salarial e vulneración do dereito a conciliar a vida laboral e persoal que padecen as mulleres que traballan con contratos eventuais para Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem, unha das concesionarias do servizo de transporte sanitario urxente do 061. A empresa vén de ser sancionada pola Inspección de Traballo por contratar a unha traballadora para o centro de traballo de Cangas sen dala de alta na Seguridade Social, e a central sindical tamén denunciou diante da autoridade laboral outra contratación en fraude de lei”.
A central sindical afirma que “a política de contratación de Ambulancias do Atlántico está a provocar un aumento das desigualdades entre o cadro de persoal, e unha vez máis son as mulleres as que saen prexudicadas. De feito, son os homes, na súa inmensa maioría, os que teñen contratos indefinidos con categorías salariais superiores, e as mulleres son as contratadas eventualmente, en ocasións de xeito irregular e en fraude de lei”.
Até o punto de que a autoridade laboral sancionou a empresa tras as denuncias presentadas polos representantes sindicais da CIG por ter contratado a unha traballadora sen estar dada de alta na Seguridade Social, en concreto entre os días 1 e 7 de novembro de 2019. Ademais, a autoridade laboral procedeu a dar de alta de oficio a afectada. A primeira destas denuncias remóntase a marzo de 2020, e fixeron falta dúas máis (unha en maio e outra en novembro dese ano) ante a falta de resposta da Inspección.
Ao mesmo tempo, “varias destas traballadoras eventuais denunciaron que non se lles permitiu participar no proceso selectivo para a adxudicación de prazas vacantes na empresa, a unha dicíndolle directamente que non podía presentarse e a outra que xa rematara o prazo de presentación de solicitudes pese a que este nin tan sequera foi publicado”.
Foi a raíz dunha nova denuncia da CIG que “a Inspección emitiu outra resolución na que considera probado que o procedemento de adxudicación de prazas vacantes fíxose de forma irregular sen permitir a participación da representación legal das traballadoras/es, xa que a dirección tería escollido a dedo a praza vacante sen informar tan sequera de cal era o criterio dos méritos a ter en conta”.
Contrato en fraude de lei
Ao mesmo tempo, a central sindical presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo na que aporta documentación que demostra que “a outra traballadora se lle realizou un contrato en fraude de lei. Nesta ocasión, obrigándoa a incorporarse a un posto diferente ao que lle correspondería pola interinidade na que estaba contratada co único obxectivo de aforrar os cartos de substituír a un traballador de categoría superior. Segundo consta na documentación, contrataron a traballadora cunha categoría inferior do traballador a quen substituía para pagarlle menos”.
Dende a FGAMT-CIG denuncian a política de Ambulancias do Atlántico de incorporar mulleres ao seu cadro de persoal facendo contratos de eventualidade, o que afonda na súa explotación laboral, véndose obrigadas a facer quendas de traballo a maiores, avisándoas con menos de 24 horas de antelación sen respectar o seu horario laboral, impedindo a conciliación da súa vida laboral e persoal. “Pese a que as quendas a maiores teñen carácter voluntario, a estas traballadoras con contratos de curta duración obrígaselles a facelas baixo a ameaza de non renovarlles os contratos”.
En consecuencia, a fenda salarial na empresa non deixa de medrar. No 061 da área de Vigo (que inclue as localidades de Vigo, Cangas e Moaña), por exemplo, os homes con categoría profesional máis alta e con contratos indefinidos representan a inmensa maioría fronte ás mulleres en contratos eventuais coa categoría profesional máis baixa, o que alonga a fenda salarial e incrementa a dificultade de conciliación. “A estas mulleres tampouco se lles permite acumular antiguidade, polo que os seus salarios son aínda máis reducidos”, rematan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario