PIRAGÜISMO
LUÍS FERNÁNDEZ, GAÑADOR DA COPA PIRINEUS, EN CANOA
· E MANUEL OCHOA, BRONCE EN CAIAC
Como remate a unha impresionante participación, Luís Fernández gañou a competición - Foto: Paul Walker
Na final, Manu Ochoa acadou a terceira posición - Foto: Cedida
Informa: Rosa Fernández Carrera
Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense da Seu D´Urgell a Copa Pirineus de Slálom. Esta é a competición non oficial, de carácter internacional, máis importante que se celebra no noso país.
Este ano, a Federación Española de Piragüismo, decidiu que serviría como selectivos para determinar os distintos equipos nacionais de slálom: sénior, sub-23 e júnior. Durante esta fin de semana os deportistas seleccionados farían tres baixadas, puntuando as dúas mellores, e na seguinte fin de semana, en Pau (Francia), o mesmo proceso. Por problemas causados pola situación COVID a federación anulou os selectivos de Pau, polo que esta fin de semana se conformaron os distintos equipos nacionais de slálom.
Cinco padexeiros do Club Deportivo Miño-Teixugos gañaron un posto nestes selectivos polos seus resultados nas dúas Copas de España xa celebradas: Luís Fernández, Manuel Ochoa, Sergio Rodríguez, Alba Soutelo e Ainhoa Barreiro. Os cinco deron o mellor de si mesmos para acadar unha praza nos equipos nacionais nesta competición marcada polas baixas temperaturas e o vento.
Luís Fernández, que optaba a praza no equipo sénior de canoa, gañou dúas das tres baixadas, o que lle garante unha das tres prazas no equipo nacional. E como remate a unha impresionante participación, gañou a competición cun tempo de 92.70 segundos, subindo ao podio xunto ao catalá Miquel Travé e o irlandés Jake Cochrane.
Manuel Ochoa aspiraba a praza nos equipos sub-23 e sénior de cáiac. O sábado rematou sétimo na primeira baixada, na segunda, o vento xogou na súa contra e levouno a facer unha mala baixada, mellor sorte tivo na terceira baixada, no domingo, rematando segundo. A falta de confirmación oficial, non acada praza no equipo sénior, pero conta con moitas posibilidades de estar no equipo nacional sub-23. Na final, cun tempo de 87.01 segundos, acadou a terceira posición, por detrás do ruso Pavel Eigel e do marroquí Mathis Soudí.
Ainhoa Barreiro e Sergio Fernández loitaron por unha praza nos equipos júnior de caiac e Alba Soutelo en caiac e canoa. Os tres tiveron unha actuación correcta e sen excesivas penalizacións, tendo en conta as duras condicións da canle e a climatoloxía, pero, a espera da confirmación oficial da federación, non parece que deran acadado praza no equipo español.
Unha vez máis os Teixugos tocando o ceo do slálom, demostrando o seu bo momento e gran nivel. O slálom galego cada vez ten máis que dicir no panorama nacional, xunto cos Teixugos, o Penedo, de Tui e o Tea, de Mondariz, deron mostras disto, con varios deportistas serios candidatos a formar parte dos diferentes equipos nacionais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario