O CONCELLO DE A GUARDA DEMANDA A REBAIXA DAS PEAXES DA AP-9, A INSTANCIA DO BNG
Anxo Lois Baz Vicente (voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Hai que rematar xa coa estafa legalizada das peaxes da AP-9, o Goberno Central debe rematar con esta vergoña”
Anxo Lois Baz Vicente, voceiro municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O pleno do Concello de A Guarda aprobou “a instancia do BNG, reclamar do Goberno Central a rebaixa da peaxe da [autopista do Atlántico] AP-9 e aprobar definitivamente a transferencia desta infraestructura á Xunta de Galiza”.
Os concelleiros nacionalistas basearon a súa argumentación en que “a AP-9 ten unhas tarifas desorbitadas, das máis caras de todo o Estado Español e mentres o Estado rescatou outras autoestradas aquí subiron as peaxes”.
Desde o BNG consideran que “a transferencia é un primeiro paso para acabar cunha discriminación histórica, e é necesario que se realice libre de cargas, que sexa rescatada polo Estado de igual maneira que se rescataron no seu día as radiais madrileñas”.
Na súa moción, os concelleiros do BNG recraman que “mentres a tramitación desta Lei non conclúa - algo que debería ter lugar no actual periodo de sesións -, é preciso que se efectivice canto antes a rebaixa das peaxes da AP-9 comprometidos no acordo de investidura co BNG”.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz Vicente lembra que “esta concesión tiña que ter rematado no ano 2013 e que si aínda a seguimos pagando é porque gobernos do Estado tanto do PP como do PSOE ampliaron esta concesión”, para acabar concluindo: “Hai que rematar xa coa estafa legalizada das peaxes da AP9, o Goberno Central debe rematar con esta vergoña”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario