21 de feb. de 2021

SALCIDOS (A GUARDA)

UNS SEMÁFOROS AVARIADOS QUE NON DAN PASO AOS PEÓNS

Supoñen un perigo que é necesario evitar

Na imaxe, un dos dous semáforos da rúa Diego Antonio González, que non mudan do vermello ao verde para poder cruzar os peóns - Fotos: Infogauda

 

Infogauda / Salcidos 

 Os peóns son cidadáns, contribuíntes - directa ou indirectamente, e as veces, dos dous xeitos ao mesmo tempo -, persoas, veciñas ou visitantes. Iso que é obvio, non sempre o teñen en conta aqueles outros cidadáns, que deberían preocuparse da calidade de vida e da seguranza viaria da cidadanía, porque para iso desempeñan cárregos públicos - xeralmente ben retribuidos comparativamente falando, respecto á maioría dos cidadáns -, ainda que non sempre acrediten unha actividade que mereza, en boa lei, á consideración de activos servidores públicos, entendido como tales, aquelas persoas que desempeñan seu labor cotiá con eficiencia. 

 No seu día puxemos negro sobre branco, a situación de perigo para os peóns na Estrada de San Roque. Desde aquela nada mudou. Os peóns teñen que continuar arriscando súa integridade física cando transitan desde a rúa Diego Antonio González en dirección a Gándara, ou viceversa.

 

Na imaxe o lugar onde están os dous semáforos cuxo funcionamento non é o que sería desexable
 

  Hoxe, logo de habelo comprobado persoalmente in situ, temos que deixar constancia que os semáforos existentes na rúa Diego Antonio González non dan paso aos peóns. Probablemente exista algunha avería que compre solucionar a maior brevidade posible a fin de evitar que logo de agardar a que se poñan en cor verde para os peóns, e visto que despois de ¡máis de 4 minutos! continuaban sen mudar de cor, non quedou outra alternativa que abrir ben os ollos, esperar a que non viñese ningún automóbil e logo cruzar polo paso de peóns existente nese lugar.

  Temos que decir que xa con anterioridade, e desde fai anos, o funcionamento deses semáforos non viña sendo un exemplo. Precisamente por "castigar" aos peóns a agardar un tempo considerable para poder cruzar. En todo caso, a día de hoxe, xa supera calquer anómalo funcionamento, porque como decimos non "abre o paso aos peóns".

 Por iso, desde este xornal dixital transfronteirizo, convidamos aos responsables municipais do Concello de A Guarda, que den as instruccións pertinentes para poñer remedio a esa incidencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario