21 de feb. de 2021

DEPORTES

PIRAGÜISMO

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E  MANUEL OCHOA, GAÑADORES NA 1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM 

 

              En canoa sénior Luis Fernández foi gañador absoluto nas dúas xornadas
En caiac sénior, o tomiñés Manuel Ochoa, conseguiu a terceira medalla de ouro para os Teixugos

 

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Esta fin de semana arrancou a Liga Española de Slálom, despois dun ano de parón por mor da COVID-19. A primeira das competicións, 1ª Copa de España de Slálom, celebrouse na localidade de Mondariz. Durante dúas xornadas, o mellor do panorama nacional nesta modalidade de piragüismo, deuse cita nas augas do río Tea. O evento estivo marcado pola adversa meteoroloxía, pola elevadísima participación, con catorce equipos e máis de 200 deportistas, e polo protocolo do coronavirus, con grandes medidas de seguridade e sen público.   

 Esta copa constou de dúas competicións diferenciadas, unha sábado e outra domingo, cunha primeira baixada clasificatoria, na que os dez primeiros pasaban á final.  

 O Club Deportivo Miño acudiu con dez deportistas, cos que deu acadado resultados históricos.  

 En canoa sénior Luis Fernández foi gañador absoluto nas dúas xornadas. O deportista de Salceda de Caselas, impúxose nas clasificatorias e nas respectivas finais, tanto sábado como domingo. Na mesma modalidade Alejandro Ochoa non deu conseguido entrar nas finais rematando décimo sexto nos dous días.  

 En caiac sénior, o tomiñés Manuel Ochoa, conseguiu a terceira medalla de ouro para os Teixugos. Nas clasificatorias do sábado, un pequeno fallo e unha penalización de dous segundos, deixárono fóra das finais nun décimo quinto lugar. O domingo, co quinto mellor tempo,  entrou en finais, e rematou gañando a proba. Na mesma proba, Alejandro Ochoa, rematou trixésimo quinto e trixésimo oitavo.  

 Tamén en caiac sénior, Laura Alonso, quedou nas dúas xornadas ás portas das finais co seu duodécimo lugar.  

 En categoría xuvenil feminina, Ainhoa Barreiro e Alba Soutelo tiveron unha moi boa actuación, rozando o podio en varias ocasións. Alba, en caiac, rematou sexta o sábado na final e décimo cuarta o domingo, na modalidade de canoa, rozou medalla nos dous días, rematando cuarta e quinta. Pola súa banda, Ainhoa fixo finais nos dous días en caiac, rematando cuarta e sétima, e en canoa foi décimo cuarta e novena.  

 En xuvenil masculino, a modalidade de canoa non tivo participación de teixugos, e en caiac, a mellor actuación foi a de Sergio Rodríguez que entrou en finais nas dúas xornadas, rematando quinto e sexto. O seu compañeiro Alexis Segadaes fixo dúas baixadas correctas, pero non o bastante rápido para facer final, rematando décimo sexto e vixésimo. Na mesma categoría, participaron tamén,  Rui Malheiro e Adrián Lluch, os máis novos dos nosos participantes, que se estrearon na Liga absoluta nacional, rematando lonxe dos postos de cabeza.  

 A seguinte competición, a 2ª copa de España, terá lugar na canle da Seu D´Urgell os días 6 e 7 de marzo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario