A Subida a Oia regresa na súa 16ª edición para pechar o Campionato Xunta de Galicia de Montaña
• A estrada EP-3202 entre Oia e o Alto do Castro acolle os días 10 e 11 de outubro a 16ª edición da proba, última puntuable da tempada
Infogauda/Oia
O automobilismo volve ás estradas de Oia. Este sábado 10 e domingo 11 de outubro celébrase a 16ª Subida a Oia. A proba non se disputaba desde 2022 e regresa ao calendario galego nun momento decisivo: é a última cita puntuable do Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuíto Internacional de Montalegre.
A proba, organizada pola Escudería BM, reunirá a preto de 130 participantes e conta coa colaboración da Federación Galega de Automobilismo, Xunta de Galicia – Deporte Galego, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Oia.
Esta edición renderá homenaxe a Ángel Pérez, «Gilillo», unha figura moi querida no automobilismo galego. Habitual das probas de montaña e dos rallies, compartiu durante anos a súa paixón polas carreiras co seu irmán Jorge, e a Subida a Oia quere lembralo na volta da proba ás estradas oienses.
Pilotos da casa
A afección local terá motivos de sobra para animar, xa que oito pilotos de Oia tomarán a saída na súa propia estrada: Abel González (dorsal 8, vehículo SPEED CAR GT 1000), Aarón Goce (dorsal 18, vehículo YACAR CARCROSS), César Domínguez (dorsal 19, vehículo YACAR YACARCROSS), César Souto (dorsal 21, vehículo KINCAR), Iago Puertas (dorsal 22, vehículo YACARCROSS), Álex Alonso (dorsal 29, vehículo YACAR CROSSCAR), Esteban González (dorsal 32, vehículo KINCAR), e Miguel González (dorsal 34, vehículo KINCAR 1604).
Un trazado con vistas ao Atlántico
A subida dispútase na estrada EP-3202, que une o núcleo de Oia coa estrada local de Santa Comba no Alto do Castro. Son 4,8 quilómetros de ascensión polas ladeiras que dominan o litoral oiense.
Dúas xornadas de competición
O venres, 9 comezará coas verificacións administrativas e técnicas, a partir das 19:30 horas na contorna da Oficina de Turismo de Oia, e continuarán o sábado, 10 pola mañá. O parque pechado instalarase nas proximidades do Mosteiro de Santa María de Oia. Ás 13:30 horas arrincará a primeira manga de adestramentos, seguida das dúas primeiras mangas oficiais.
O domingo, 11 a acción retomarase ás 09:30 horas coa segunda manga de adestramentos e as mangas oficiais terceira e cuarta. Despois da publicación da clasificación oficial, a cerimonia de podio celebrarase no Camboa.
Carrozados, non carrozados e regularidade
A proba puntúa para o Campionato de Carrozados e para o Campionato de Non Carrozados, que inclúe as clases CM e Carcross. Tamén conta para as distintas Copas de Galicia de Montaña, entre elas a de Escuderías e a de Regularidade.
Colaboración na seguridade
A seguridade da proba contará coa colaboración das agrupacións de Protección Civil do Rosal, do Val Miñor, de Tomiño, de Tui e de Salceda, Guarda Civil, así como da Asociación VODEA de Vigo.
Restricións de tráfico
A estrada EP-3202 permanecerá cortada ao tráfico o sábado 10, desde as 12:00 horas ata o remate da proba, e o domingo 11, desde as 08:00 horas ata o remate da proba.
Desde o venres, 9 ás 18:00 horas e ata a apertura do parque pechado o domingo, permanecerá cortada a rúa Párroco Don Claudio Rodal Fandiño, agás para residentes. Tamén estará pechado o acceso á praza Centinela desde o porto e desde a capela, agás para residentes.
Habilitarase una leira como parking na baixada do campo de fútbol-centro cultural a man dereita na Estrada Vella.
Ademais, durante a proba haberá restricións no camiño da Fonte, no camiño da Ovellariza, no camiño das Cubelas, no camiño do Pombal, no camiño do Cerrado e no camiño Laxes de Arriba.
Chamamento á veciñanza e ao público
O Concello de Oia pide á veciñanza e ás persoas que se acheguen a gozar da proba:
• Que se despracen con tempo suficiente, tendo en conta os cortes de tráfico.
• Que colaboren no respecto ao medio ambiente.
• Que non deixen lixo na contorna do percorrido.

Ningún comentario:
Publicar un comentario