A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA LANZA AS ‘AXUDAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA 2021’ PARA OS CONCELLOS QUE CREEN E REFORCEN OS SEUS SERVIZOS DE LINGUA MUNICIPAIS
· A deputada de Lingua María Ortega anuncia un investimento de 200.000 euros para “apostar pola estabilidade e fuxir de actividades puntuais”
Infogauda / Pontevedra
Apostar pola estabilidade dos servizos de normalización lingüística dos concellos e da provincia e fuxir de actividades puntuais. Ese é, segundo afirma a deputada de Lingua María Ortega, o obxectivo da Deputación, que acaba de aprobar as ‘Axudas 2021 de Normalización Lingüística’ cun orzamento de 200.000 euros destinado a subvencionar os concellos para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais.
As bases das subvencións para este 2021 veñen de ter o visto bo da Xunta de Goberno e publicaranse de maneira inminente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), o que facilitará que todos os concellos que teñen intención de poñer a andar un SNL poidan saber dende o inicio se contan con inxección de fondos provinciais.
Ortega explica que poderán ser obxecto de subvención tanto a creación do servizo de normalización lingüística, o mantemento, ou o seu reforzo, no caso de concellos que xa dispoñan de SNL e queiran melloralo con máis persoal ou incrementando a xornada laboral.
As contías das subvencións chegarán ata 20.000 euros para cada no caso da creación e reforzo, podendo supoñer o 100% do custe do persoal a xornada completa, e só o 80% no caso de mantemento. Como compromiso principal, as entidades solicitantes comprométense a ter en activo o SNL nas mesmas ou mellores condicións das existentes no momento de solicitar a axuda por un período mínimo de dous anos.
En xeral, as funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollan a esta convocatoria, tanto internas como externas, serán asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; oumellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras.
Ao igual que xa aconteceu na pasada edición desta convocatoria os concellos solicitantes terán permitido optar tamén á vindeira liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización, algo incompatible nas anteriores edicións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario