O Concello saca a licitación a explotación de dous postos no mercado municipal do Rosal
Aprobadas en Xunta de Goberno as bases que regulan as condicións, que serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra nos vindeiros días
Infografía que terá o mercado municipal do Rosal cando rematen ás obras
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal segue traballando para a posta en marcha do novo mercado municipal, un espazo vivo no que fomentar a compra de produto local e que dinamice económica e socialmente o núcleo urbano do Calvario. Dese xeito, a Xunta de Goberno vén de aprobar as bases de licitación para a explotación de dous novos postos, un destinado á venda de froitas e verduras e outro á alimentación xeral e tenda de conveniencia.
O goberno municipal dará traslado destas bases ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), que as publicará nos vindeiros días. As persoas interesadas en presentar as súas ofertas para a cobertura das vacantes terán 15 días naturais a partir do día seguinte ao da súa publicación no BOPPO e no perfil do contratante do Concello do Rosal aloxado na plataforma de contratación do sector público. As propostas deberán presentarse unicamente a través do Rexistro Xeral do Concello do Rosal en horario de 9 a 14 horas de luns a venres.
A concesión outorgarase por un prazo de 10 anos, con posibilidade de prórroga outros cinco.
Postos
O Concello saca a licitación o posto número 3 do mercado, situado nun dos laterais da praza de abastos, de 9,45 metros cadrados e destinado a alimentación en xeral e tenda de conveniencia. Trátase dun posto con acabados de chan, paredes e teitos sen peche e sen espazo de cámara. Ten toma de fontanaría para vertedoiro para colocación de termo eléctrico, con catro puntos de luz mediante foco orientable en teito, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.
Por outra banda, tamén está dispoñible o posto número 4, de 13.90 metros cadradose destinado á venda de froitas e verduras. Situado na zona central do mercado dispón de mesado horizontal e vertical de exposición de produto e mostrador en todo o perímetro, cunha franxa de 45cm exterior ao posto para exposición. Inclúe estrutura colgada de aceiro para soporte de iluminación e elementos auxiliares, toma de fontanaría, sete puntos de luz mediante foco orientable en carril, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario