O Consello Municipal de Igualdade do Rosal bota a andar
Integrado por persoas expertas de todos os eidos, o consello traballará tanto na posta en marcha de iniciativas concretas como en perfilar un plan estratéxico de sensibilización
Ánxela Fernández, alcaldesa do Concello do Rosal, nun momento da reunión telemática cos membros do Consello Municipal de Igualdade - Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Consello Municipal de Igualdade do Rosal botou a andar este martes coa celebración da primeira reunión dun espazo que busca traballar a corto, medio e longo prazo a prol dunha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero. “Temos o pracer de contar cun consello integrado por persoas dunha gran calidade técnica en cuestións de igualdade que nos permitirá seguir camiñando cara un cambio de mentalidade da sociedade xeral e cara un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O Consello está formado unha vintena de persoas de diferentes idades e perfís, como estudantes universitarios e de bacharelato; persoal técnico en igualdade, saúde mental e diversidade; educadora familiar e educadora social; profesorado de educación secundaria e universitaria; membros das Asociacións de Nais e Pais (ANPA); profesionais en socioloxía, en psicoloxía especializada en psicoeducación, en sexoloxía ou en psicoloxía clínica especializada no ámbito da violencia de xénero. Tamén forman parte do Consello a propia rexedora do Rosal; a concelleira de Igualdade, Sara Vicente Salcidos; o concelleiro de Educación, Carlos Villanueva Domínguez; e o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Fernández Leal.
Nesto primeiro encontro por videoconferencia abordouse a propia constitución do Consello e supuxo unha primeira toma de contacto para “traballar conxuntamente na implantación da igualdade a todos os niveis no Rosal, algo que para nós é prioritario”.
Neste sentido, por un lado o Consello traballará na posta en marcha de iniciativas concretas que axuden a seguir revolucionando mentes no día a día do municipio e na integración da igualdade como parte fundamental da axenda cultural ao longo de todo o ano.
Por outra banda, tamén será labor do Consello o debullar un plan estratéxico que permita ao Concello do Rosal perfilar o camiño a seguir para a implantación da igualdade a todos os niveis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario