26 de feb. de 2021

O ROSAL

Novos pasos cara a transformación radical da estrada entre Tabagón, As Eiras e Goián  

A Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto que permitirá conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal con Goián recuperando espazos para as persoas e fomentando unha mobilidade sostible 

 

A Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ao proxecto para a execución da primeira fase de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, que comunicará os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián - Foto: C.O.R.

 

Infogauda / O Rosal

 O Equipo de Goberno Municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís fixo público no día de hoxe, que "continúase a dar pasos cara a transformación radical da estrada entre Tabagón, As Eiras e Goián. A Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ao proxecto para a execución da primeira fase de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, que comunicará os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián apostando por un modelo no que se recuperen os espazos para as persoas e se fomente unha mobilidade sostible, potenciando alternativas ao vehículo privado, dándolle prioridade aos peóns e contribuíndo ademais á redución da pegada de carbono".  

 “Estamos a dar grandes pasos na transformación do Rosal non só en termos de mellora viaria, senón de mobilidade e comunicación entre os núcleos rurais. Apostamos por un novo concepto no que a posta en valor das persoas e do ámbito rural é fundamental”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Para a rexedora trátase dunha evolución natural, xa que “a estrada naceu como a única vía de comunicación entre o Baixo Miño e Tui para o tráfico rodado, pero hoxe en día temos outras vías de acceso que nos permitirán transformar este vieiro pensando nunha nova realidade de mobilidade”. 

 O proxecto desenvolverase en varias etapas para cubrir un tramo todal de 4,5 quilómetros entre O Rosal e Tomiño. Nesta primeira fase, remodelarase un tramo de 1,7 quilómetros que conta cun intenso tráfico rodado e tamén cunha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinos e peregrinas que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. Crearase un carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación de dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. Tamén se renovará a rede de drenaxe, farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública e disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.  

 Nas obras desta primeira fase investiranse máis de 650.000 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e o outro 20% polo Concello do Rosal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario