25 de feb. de 2021

O ROSAL

Esgotadas as entradas para o acto de conmemoración do Día de Rosalía no auditorio municipal  

Dende o Concello agradécese a grande acollida por parte do público da iniciativa, que contará cunha lectura de poemas e a actuación do cantautor Tino Baz 

 

O cantautor Tino Baz participará na homenaxe a Rosalía de Castro organizada polo Concello do Rosal - Foto: Infogauda

 

Infogauda / O Rosal

 O Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal, que preside a alcaldesa Ánxela Fernández Callís cualifica de "éxito absoluto o acto de conmemoración do Día de Rosalía programado para este domingo 28 de febreiro ás 18.00 horas no auditorio municipal do Rosal. Xa están esgotadas todas as entradas dispoñibles para desfrutar da actividade, para a que era necesaria inscrición previa dado o aforo reducido co que contará". 

 


 

 Dende o Concello quere agradecerse a grande acollida por parte do público que tivo esta iniciativa coa que conmemorar o nacemento da escritora galega. Así, o vindeiro  domingo proxectarase un vídeo no que 32 rosaleiros e rosaleiras que nestes intres viven fóra de Galicia recitan os versos de ‘Adeus ríos, adeus fontes’ de Rosalía. Por outra banda, representantes de varios colectivos rosaleiros procederán á lectura de diversos poemas da autora. O acto rematará coa actuación do cantautor guardés Tino Baz. 

 A actividade realizarase tomando todas as medidas seguridade e prevención establecidas polas autoridades sanitarias ante a actual situación epidemiolóxica. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario