15 de feb. de 2021

O ROSAL

O Concello realizará un estudo de avaliación da xestión das augas residuais na zona costeira do Rosal, en San Xián e Portecelo  

Colaborará en todo momento co organismo competente, Augas de Galicia, para solucionar a medio prazo a situación actual 

  

A alcaldesa Ánxela Fernández Callís e o tenente de alcalde Germán Fernández Rodríguez, nun momento da reunión telemática con Augas de Galicia - Foto: C.O.R.

 

Infogauda / O Rosal

 O Concello vén de manter unha segunda reunión con Augas de Galicia para abordar a situación da xestión das augas residuais na zona costeira do Rosal, nos barrios de San Xián e Portecelo, unha problemática sobre a que a administración municipal amosa preocupación por como afecta aos veciños e veciñas. “Dada a situación actual da xestión de augas residuais nesta zona dende o Concello decidimos tomar partido e colaborar en todo momento co órgano competente, Augas de Galicia, para atopar solucións”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Por este motivo, o Concello realizará un estudo para avaliar a situación actual na que se atopa a xestión de augas residuais nesta zona, un traballo de campo que realizará un equipo técnico especializado que percorrerá a zona para ter unha visión clara da realidade. Trátanse de case 200 vivendas e edificacións que hai nestes dous barrios, das que só arredor de 80 están habitadas todo o ano.  

 Por outro lado, este estudo de campo servirá tamén para cuantificar a cantidade de augas residuais que xeran de forma individual as vivendas e edificacións da zona, o que servirá para ter unha imaxe clara da situación e actualizar a información da que se dispón no Concello.  

 O obxectivo é determinar as necesidades conxuntas e as posibles solucións a medio prazo para un tratamento das augas residuais que permita dispoñer dunha xestión ambientalmente máis sostible que a actual. “Os veciños e veciñas destes barrios levan moitos anos padecendo esta situación, por iso estamos a dar un primeiro paso importante de cara a atopar solucións”, salienta a rexedora.   

 Dende o Concello apélase á colaboración de toda a veciñanza destes barrios, fundamental para poder levar a cabo o traballo de campo preliminar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario