Unha exposición relembra décadas de historia do Entroido rosaleiro
· A Praza do Calvario acolle ate o día 17 de febreiro, unha mostra con máis de 100 fotografías que percorren o Entroido de Novás, Fornelos, San Xián e O Rosal, dende os anos 60 ata a actualidade
Fotos: Luis Dorado
Infogauda / O Rosal
O Entroido chegou este venres ao Rosal dun xeito diferente. Debido a situación epidemiolóxica que todos coñecemos, o Equipo de Goberno do Concello decidiu organizar unha exposición de fotografías coa que se rememoran décadas de celebración do Entroido nos diferentes barrios rosaleiros, pois trátase dunha festa con grande arraigo, transcendencia e seguimento social no municipio.
Dese xeito, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dende este venres día 12 ata o vindeiro día 17 de febreiro, desta mostra que está situada ao aire libre na Praza do Calvario. A través de máis de 100 fotografías dispostas en distintos paneis, o público poderá percorrer a historia do entroido en Novás, Fornelos, San Xián e O Rosal, dende os anos 60 ata a actualidade.
"Dende o Concello quere agradecerse a colaboración de todas aquelas persoas e entidades que facilitaron a documentación gráfica que permitiu realizar esta exposición, que tamén fai posible visibilizar o gran traballo que realiza a veciñanza implicada para que a tradición do entroido perdure ao longo do tempo no Rosal", indican desde o executivo municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario