O Concello interésase pola situación do despregue de fibra no Rosal
Mantivo este mércores unha reunión de traballo con responsables de Telefónica para darlle traslado tamén da problemática crecente coa que se atopa a veciñanza
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís nun momento da reunión telemática coas persoas responsables do despregue da fibra no municipio - Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o técnico municipal de urbanismo mantiveron este mércores día 19 de febreiro, unha reunión telemática coas dúas persoas responsables do despregue de fibra no municipio por parte de Telefónica, a empresa á que un órgano supramunicipal adxudicou o servizo de implantación desta tecnoloxía ata 2024. “Aínda que o Concello non ten competencias nesta área si que nos incumbe todo o que está a pasar, xa que afecta de forma directa á nosa veciñanza. Por iso decidimos solicitar unha reunión coa compañía para informarnos de cal é a situación no Rosal”, asegurou a rexedora, que recalcou que “para nós é importante poder dispoñer dunhas boas conexións e queremos que ese despregue se faga ben, de xeito coherente”.
Durante a reunión, a alcaldesa deu traslado á compañía “da crecente problemática que se está a detectar e que manifestan os veciños e veciñas co obxectivo de buscar solucións para que O Rosal dispoña deste servizo de conexión de banda ancha e mellorar a comunicación directa para a resolución das incidencias que se están a producir. Neste sentido, calquera veciño ou veciña que teña algunha incidencia relacionada coa fibra de Telefónica ou o seu despregue debe chamar ao 1002 para dar parte”.
Pese a non ter competencias, dende o Concello reiterouse “a boa disposición a colaborar en todo o que estea na súa man para garantir unha mellora nas posibilidades de acceso a esta tecnoloxía por parte da veciñanza, facilitando e axilizando os trámites administrativos que debe realizar Telefónica para levar a cabo as obras necesarias na vía pública para a implantación da fibra”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario