13 de feb. de 2021

MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA

O AECT MIÑO CONSIDERA “INSUFICIENTES” AS MEDIDAS DE APERTURA DA FRONTEIRA CON PORTUGAL E INCREMENTARÁ AS PROTESTAS  

O vicedirector Uxío Benítez anuncia unha reunión urxente dos concellos miñotos para o vindeiro luns na que se decidirán novas medidas de presión  

 

O vicedirector do AECT Río Miño coas alcaldesas e alcaldes galegos da ´raia´miñota, nunha recente xornada de mobilización na ponte vella de Tui-Valença do Minho. No outro extremo dese paso, atopábanse seus homólogos portugueses - Foto: Rafa Estévez

 

Infogauda / O Baixo Miño

 Os 26 municipios pontevedreses e portugueses do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, veñen de convocar para este luns unha nova reunión con carácter urxente para analizar o que clasifican de “total e persistente descoñecemento” dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa sobre a realidade do territorio miñoto, o de maior circulación de toda a fronteira ibérica. A intención do encontro, segundo apunta o vicedirector Uxío Benítez Fernández, é avanzar con novas accións de protesta en prol da defensa dos intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos e de transportes de mercadorías, así como das moitas empresas afectadas “polo calvario  diario de  afunilamentono paso de Tui-Valença”.   

 Este encontro entre os alcaldes e alcaldesas do AECT Río Miño xorde tras publicación do despacho polo Ministerio da Administración Interna do Goberno de Portugal que mantén a Ponte Internacional de Tui-Valença do Minho como o único punto de paso autorizado durante 24 horas, coa novidade da apertura parcial da ponte Arbo-Melgaço, tres horas no período da mañá e tres horas no período da tarde, ampliando ese mesmo horario parcial en  Salvaterra de Miño-Monção.  

 As e os mandatarios de ambas as marxes do río Miño asumen de maneira unánime as dificultades froito da pandemia  Covid-19 e a necesidade dunha actuación eficaz para o seu combate. Sen embargo, subliñan que a apertura de todos os pasos “en nada contradí o obxectivo de  salvaguardar a saúde pública”.  

 “Este cambio nos pasos autorizados polo despacho é ‘lanzar area aos ollos’ dos alcaldes e alcaldesas e das súas poboacións, pois non satisfai en absoluto as pretensións anteriormente expostas, alén de manter o  calvário de  afunilamento de tránsito en  Valença-Tui e de reiterar a  indisponibilidade do Goberno de soportar os custos demáis puntos de paso autorizados controlados, querendo traspor para os traballadores grande parte desa carga”, subliña Benítez, que engade que só se pretende facilitar o tránsito áspersoas autorizadas.  

 Benítez destacou que non hai razóns obxectivas para non abrir todos os pasos “senón só razóns cicateiras que toman gobernos dende a lonxanía e sen coñecemento”, polo que pediu un “esforzo superior” a Madrid e a Lisboa tanto en comprensión da realidade da fronteira miñota como á hora de dotar de medios os controis dos puntos de pasaxe autorizada.   

 Neste sentido, lembrou que a ponte de Tomiño-Vila Nova de Cerveira -que polo de agora permanecerá pechada tralos últimos cambios- é a 5ª con máis movemento de vehículos das 64 de toda a raia entre España e Portugal. Citou que nas inmediacións deste viaduto sitúase o parque empresarial de Cerveira, con 4.300 persoas traballadoras das que máis dun milleiro son galegas. “Hai unha relación comercial umbilical entre unha e outra beira. Tui-Valença do Minho está a 16 quilómetros e A Guarda a 27 quilómetros. O paso a través da ponte da Amizade recurtaría as distancias acumuladas que todo o persoal laboral ten que percorrer de maneira obrigada”, subliñou.  

 “Non abrir todos os pasos é un castigo para exercer a súa actividade laboral aos milleiros de traballadores e traballadoras que son considerados esenciais para a dinámica económica de ambos países”, insistiu o nacionalista, que destacou que a situación está a crear unha “enorme preocupación e inquietude tanto nos alcaldes, alcaldesas e presidentes de cámara como nos empresarios da zona e no transporte de mercadorías”.  

 Apuntou que tras coñecerse a decisión do Ministerio da Administración Interna de Portugal, os municipios de fronteira xa recibiron un importante  número de correos electrónicos de traballadoras e traballadores transfronteirizos e de empresarios de grandes empresas “para compartir o relatorio da súa situación, desgastado e  aflitivo a nivel persoal, económico e profesional por ter que percorrer decenas de quilómetros de rodeos”.  

 “Unha vez máis, as poboacións da  raia  miñota están a ser tratadas como o ‘parente pobre’ polos Gobernos de Portugal e España”, finalizou Benítez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario