3 de feb. de 2021

GALICIA

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha nova reunión telemática co presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e con membros da xunta directiva 

A Xunta reafirma o seu apoio ao sector do taxi cunha nova convocatoria de axudas para a compra de vehículos accesibles e pouco contaminantes por importe de 350.000 euros  

Ethel Vázquez informa da publicación hoxe no DOG dunha nova convocatoria de axudas para adquirir taxis adaptados á mobilidade reducida, eléctricos e híbridos ou de gas, incentivando a renovación da flota de vehículos 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha nova reunión telemática co presidente da Federación Galega do Taxi

 

Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia reafirma o seu apoio ao sector do taxi cunha nova convocatoria de axudas para a compra de vehículos accesibles e pouco contaminantes por importe de 350.000 euros.

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha nova reunión telemática co presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e con membros da xunta directiva.

 Ethel Vázquez explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova orde de axudas para adquirir taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida, os eurotaxis, e para taxis eléctricos e híbridos ou de gas coa fin de facilitar a mobilidade coa menor contaminación posible.

 Detallou que nesta convocatoria inicial do ano 2021 se destinan 350.000 euros a estas axudas que subvencionarán a adquisición de vehículos desde o comezo do mes de abril do ano pasado e ata o vindeiro mes de novembro ou o esgotamento do crédito.

 Trátase de axudas de 10.000 euros no caso de compra de taxis adaptados, de 6.000 euros para os de cero emisións e de 4.000 euros para os de baixas emisións.

 A conselleira fixo fincapé en que con esta nova convocatoria, a Xunta leva achegado máis de 3 millóns de euros en subvencións a este sector nos últimos 5 anos.

 Lembrou que o Goberno galego convocou o pasado ano, por primeira vez, unha orde de axudas para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións.

 Ethel Vázquez resaltou que, desde o ano 2016, a Xunta concedeu 375 axudas para a renovación de vehículos de taxi por importe de case 2,7 millóns de euros.

 Destacou, especialmente, o esforzo realizado o ano pasado, cando se concederon 218 axudas que supuxeron un investimento de máis de 1,1 millóns de euros para prestar apoio ao sector do taxi na modernización da súa flota.

 A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que o departamento que dirixe continúa traballando nesta liña porque os taxis mellor preparados poderán prestarlle un servizo de máis calidade aos galegos e contribuirán a reducir as emisións contaminantes.

 Agradeceu o esforzo de adaptación continuo que vén realizando o sector, que está a sufrir, tamén, as consecuencias da caída da mobilidade como consecuencia da pandemia.

 Neste sentido, na xuntanza púxose enriba da mesa o compromiso do colectivo coa mobilidade segura e co cumprimento estrito das medidas de prevención e de protección da saúde.

 Cómpre lembrar que a Administración autonómica subvencionou a colocación de mamparas de protección nos taxi co obxectivo de facilitar a prestación deste servizo público esencial dun xeito seguro para os cidadáns e os propios profesionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario