28 de feb. de 2021

GALICIA

Xunta de Galicia e Cemma renovan a súa colaboración para garantir a asistencia a réptiles e mamíferos mariños varados na costa galega  

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) veñen de asinar un novo convenio para o desenvolvemento de accións conxuntas para o coidado, recuperación e estudo destes animais, algúns pertencentes a especies en réxime de especial protección  

As actuacións a desenvolver, financiadas polo departamento autonómico con 40.000 euros, céntranse na detección de exemplares con algún tipo de dificultade no litoral, a prestación dos primeiros auxilios e dos coidados precisos para a súa recuperación e, cando proceda, a identificación das causas do seu falecemento 


Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia e a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) veñen de renovar o seu convenio de colaboración en materia de asistencia e recuperación dos animais que aparecen varados no litoral galego. Deste xeito, a Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano 40.000 euros para manter as accións que, desde hai case dúas décadas, ambas entidades desenvolven conxuntamente co fin de garantir a conservación dos réptiles e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.

 En virtude do convenio, a Cemma comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; a prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a posterior hospitalización, tratamento veterinario e alimentación; e a identificación, se é factible, das causas da morte. A Consellería, pola súa parte, financiará todas estas accións e se ocupará do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir a estes animais, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados.

 A sinatura deste convenio enmárcase no obxectivo da defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posibles medidas que poidan reverter esta situación.

 A Cemma é unha organización sen ánimo de lucro que vén colaborando activamente na asistencia aos animais varados na costa galega e na súa recuperación en virtude dos sucesivos convenios que desde o ano 2003 mantén coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de Varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións.

 Para desenvolver o seu labor, a asociación dispón de dúas unidades móbiles e dun centro veterinario en Nigrán, dotado de UCI e destinado en exclusividade ao tratamento destas especies de animais. Normalmente e unha vez se logra a estabilización do exemplar tras prestarlle os coidados axeitados, a segunda fase da rehabilitación céntrase en preparalo para retornar ao medio mariño, un proceso para o que se conta tamén coa colaboración do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, xa que dispón dunha piscina exterior nas súas instalacións na Illa de Arousa.

 Galicia alberga unha franxa moi importante de litoral, onde destacan especialmente dúas especies de cetáceos: a toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus); así como a tartaruga mariña común (Caretta caretta), dado o seu status de protección como “vulnerables” no Catálogo galego de especies ameazadas.

 Anualmente estímase que varan nas costas galegas unha media de 280 exemplares de réptiles e mamíferos mariños, estando moitas veces incluídas no listado de especies en réxime de protección especial e no Catálogo español de especies ameazadas.

 Máis do 10% destes animais son recollidos con vida, o que fai necesario a súa asistencia e rehabilitación inmediata como medida imprescindible para contribuír á súa conservación. Igualmente, o estudo dos cadáveres do resto de exemplares tamén reporta información imprescindible para a adopción das medidas axeitadas para poder actuar sobre as causas directas e indirectas que supoñen unha ameaza para estas especies.

Ningún comentario:

Publicar un comentario