Todo o punto para o comezo das obras da nova Escola Infantil
• O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, quere mostrar a súa “satisfacción polo inminente comezo desta obra tan esperada e demandada que permitirá duplicar as prazas de atención a infancia de 0-3 anos na localidade”
Infogauda / A Guarda
O Equipo de Goberno Municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz vén de facer público unha moi boa nova para á cidadanía guardesa, longamente agardada. “A vindeira semana iniciaranse as obras da nova Escola Infantil do concello de A Guarda, que terá o seu emprazamento nas antigas vivendas de mestres e no comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde” .
A nova escola contará con 41 prazas distribuídas en tres unidades. O proxecto contempla a conservación de parte da fachada do edificio actual. Na planta baixa localizarase a escola infantil cun patio para goce exclusivo dos usuarios. Na zona de acceso ao edificio haberá dúas plantas. A superior estará destinada a usos auxiliares.
Vista do céntrico inmoble - ubicado nas rúas Puerto Rico e Manuel Rodríguez Sinde - onde irá a nova Escola Infantil
A obra adxudicouse a empresa Construcciones Ramírez S.L. por 691.746,99 € dos cales a Xunta de Galicia achega 410.000 € (59.3%) financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e o concello de A Guarda achega os restantes 281.746,99 € (40.7%). “Para que esta actuación fora posible, ademais de anos de xestións e da importante contribución económica, o concello tivo que facerse cargo da redacción do proxecto e da dirección de obra”, lembran desde o executivo municipal.
O prazo para a execución da obra é de 14 meses, estando previsto o remate da edificación para o primeiro semestre de 2022. A Xunta farase cargo da contratación e custo do equipamento necesario para poñer en funcionamento a escola, así como da súa xestión a través da rede de escolas infantís Galiña Azul.
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, quere mostrar a súa “satisfacción polo comezo desta obra tan esperada e demandada” que permitirá duplicar as prazas de atención a infancia de 0-3 anos na localidade. “A previsión é a de eliminar as listas de agarda e dar servizo a todas as familias que o necesiten. Esta actuación permitirá avanzar na conciliación da vida familiar e laboral e mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, sobre todo da xente máis nova. A súa vez forma parte das políticas de loita contra a crise demográfica que pretenden frear a diminución de poboación na localidade.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario