17 de feb. de 2021

DEPORTES

ATLETISMO

Relebrando seus comezos

Milu Rodríguez Baz: “A xente preguntábame se era marchadora e eu só levaba 15 días aprendendo”  

A atleta de A Guarda vén de proclamarse campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45 féminas, e de lograr o récord de Galicia nesa especialidade

 

Mª Emilia Rodríguez Baz, o pasado domingo día 14 en Sevilla, nun momento da carreira de 20 km marcha, na categoría Máster-45 féminas - Foto: Félix Villar


Christian Villaverde / Tomiño

 A guardesa Mª Emilia Rodríguez Baz (coñecida por todos como Milu), corredora da Sociedade Atlética do Trega, de Tomiño - como xa informamos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo -, proclamouse a pasada fin de semana campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45, obtendo tamén o récord galego ao ser a primeira galega da súa categoría en enfrontar esta distancia. Un fito máis no historial da deportista, que tamén ten o récord galego en 3.000 metros en pista e en 20km na categoría Máster-40, na que competía ata fai poucos meses. Todo un brillante palmarés para quen apenas leva tres anos competindo. Pero este talento parece ser cousa de familia: As súas fillas, Elisa e Marcela Morgado Rodríguez, compiten tamén nas filas do Atletismo Trega, de Tomiño, sendo campioas galegas nas categorías de sub-14 e sub-16 respectivamente.  

De onde nace a túa paixón polo atletismo? 

 - O atletismo en si comeza a gustarme desde moi nova grazas ao deporte escolar, xa que nos anos 80 comezaban a organizarse as primeiras olimpíadas escolares. Alí aprendín a correr e pode dicirse que o meu gusto polo deporte vén daquela época, xa que eu sempre era moi boa nos deportes, fose correndo, nadando,… Debido ao traballo nunca podía dedicarlle moito tempo a isto e tamén por iso nunca competín, só saía a correr como unha actividade de lecer sen máis. Iso mudou cando deixei de traballar, penso que a frustración de non traballar me empurrou de novo a correr, foi a miña vía de escape.   

Cando comezas a competir? 

 - No deporte federado levo só tres anos, esta sería a cuarta temporada. A historia comeza porque as miñas fillas empezaron en atletismo no clube Sociedade Atlética do Trega, de Tomiño. Elas comezaron a gañar nas carreiras populares e engancháronse do deporte da man do seu adestrador, Javier Sierpes. Javi ensináballes marcha alí aos nenos, e a min a modalidade pareceume moi curiosa desde pequena, era algo que adoitaba ver nas olimpíadas pola televisión. Atrevinme a probar e Javi animoume ir a unha carreira popular nos Cantóns na Coruña. A sorpresa foi cando comecei a deixar a todo o mundo atrás e todo o mundo me dicía “ti es marchadora non?” e eu só levaba 15 días aprendendo. Aí foi cando me enganchei (ri).  

 

Tarxeta do rexistro acadado en Sevilla por Mª Emilia Rodríguez Baz, que a acredita co récord de Galicia de 20 km. Marcha en roteiro Máster-45, ao ser a primeira atleta galega da súa categoría en enfrontar esa distancia

 

Cal é a clave do éxito? 

 - A min dáme un subidón nas competicións cando o habitual é que a xente estea máis presionada nesa situación. Cando escoito o pistoletazo de saída saio como unha escopeta e véñome arriba. Moita xente adestra mellor do que logo compite e a min pásame todo o contrario, se fago unha marca adestrando, cando compito baixo 5 minutos ese tempo tranquilamente. A min os nervios e a adrenalina do momento actívanme. Evidentemente o adestramento é imprescindible, senón sería imposible.  

Como che afecta a pandemia á hora de entrenar?  

- Eu vivo ás aforas da Guarda, cara a área das Loucenzas, e collo o carril-bici ata Oia, e adoito moverme nesa zona. Estes últimos 15 días que estaba preparando os 20km fíxoseme moi difícil ter que poñer a máscara. Foi moi duro, custábame moito estar todo o tempo con ela, doíame a cabeza, tiña ganas de vomitar… E menos mal que todo iso me colleu só nestes últimos 15 días antes deste campionato, senón non sería capaz de preparalo.  

Cal é o seguinte paso? 

 - A aspiración é seguir pasándoo ben, iso é o máis importante. Nós na categoría Máster, tanto homes como mulleres pasámolo moi ben. Non imos de cañas antes da competición pero si despois (ri). Temos moi boa relación. Eu levo só dous anos no campionato de España e a verdade é que te acollen como unha familia, como un clan. Por iso a miña aspiración e seguir estando nese grupo aínda que non se gañe, porque para min o importante é toda a xente que coñeces neste mundo. Por iso non me imaxino deixando este deporte nun futuro a menos que teña unha lesión. Aínda que por outra parte, se as miñas fillas deixasen [o] atletismo e se fosen a outro deporte como por exemplo o piragüismo, non descartaría en probar tampouco. Eu con tal de coñecer xente e facer deporte xa estou contenta (ri).

Ningún comentario:

Publicar un comentario