23 de feb. de 2021

A GUARDA

A OMIX de A Guarda organiza un obradoiro sobre consumo consciente e alimentación saudable  

•    Terá lugar o sábado 6 de marzo en horario de 18:00 a 20:00h  


 

 Infogauda / A Guarda

 A OMIX do Concello de A Guarda, en colaboración con Lacena, comida espida, organizan un obradoiro no que reflexionar sobre a necesidade dun cambio na forma na que consumimos, tratando de ser máis conscientes nas nosas accións individuais encamiñadas a realizar un consumo consciente.   

 A actividade partirá coa xestión de residuos: problemática medioambiental á que nos enfrontamos e coa que se pretende dar a coñecer a importancia do noso papel individual e a nosa responsabilidade na autoxestión.  

 Seguidamente a protagonista será a produción local, valorando a proximidade, a produción ecolóxica e de tempada, como un dos piares fundamentais para facer que a nosa alimentación sexa máis saudable para nós e para o planeta.  

 O terceiro punto tratará de alerxias e intolerancias e como a través de produtos ecolóxicos ou produtos de hixiene e limpeza naturais podemos evitar ou minimizar gran parte dos actuais problemas de saúde.   

 Innovación na cociña: as compras a granel permiten adquirir as cantidade de alimento que precisamos en cada momento o que evita o desperdicio pero tamén permítenos innovar ao poder experimentar con novos produtos. Neste senso, a última intervención estará acompañada dunha cata de produtos e poderemos coñecer algunhas receitas e algúns pequenos consellos na cociña do día a día.   

 CHARLA - OBRADOIRO

 A través dun exemplo da lista da compra semanal poderemos estimar a cantidade de residuos que se evitaría se adoitamos hábitos de consumo máis sostibles como a compra a granel. Como actividade práctica, os monitores proporán un exercicio de compra semanal consciente. O obradoiro terá lugar o sábado 6 de marzo en horario de 18:00 a 20:00h, no establecemento comercial Lacena, comida espida (rúa Concepción Arenal, 75 - baixo), de A Guarda.

 A actividade ten prazas limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse chamando á OMIX no 986 610 000 extensión 7 ou escribindo un correo electrónico a informacion@aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario