26 de feb. de 2021

A GUARDA

 NA NOSA VILA XA LOCE A PRIMAVERA

 

   
 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Desde fai días, logo de termos xornadas de borrascas que tiveron nomes de persoas, con chuvias e vento coma cando éramos uns rapaces; chegou o anticiclón e con el, o sol que tanto precisamos para sobreviver a todo canto nos magoa. Dese xeito, co bo tempo, saimos a dar unha volta sen rumbo. E ainda que A Guarda é un pobo pequeno, en canto a extensión, temos moitas posibilidades para escoller. 

 Se imos cara á Pasaxe, podemos ollar as acacias coas súas frores que tanta cor lle huberan dado ao pasado Entroido que non pudemos disfrutar como nos gustaría. 

 Tamén podemos ollar as pequenas frores dos estripeiros, nas cales zugan as abellas que tanto ben fan á Humanidade.

 Se imos cara á Mariña, xunto a rúa Doantes de Sangue temos unha boa mostra da potencia cromática desas herbas que cando nenos chamabamos chuchameles (Oxalis pes-caprae). Alí están, en todo seu esplendor, combinando o verde dos seus talos, co amarelo das súas sinxelas flores. Todo un agasallo da Natureza que temos a nosa disposición, ao igoal que noutros lugares da contorna. Soio é preciso ter á vontade de botarnos a andar e abrir ben os ollos para gozar dese espectáculo do que a pandemia non logrou privarnos.

 E así, contradecindo o calendario, podemos afirmar que a primavera xa loce na nosa vila. E pode que as mensaxes dalgúns grandes almacens, cheguen resesas. 

 Porque na Guarda xa é primavera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario