O Concello de A Guarda formaliza o contrato para cambiar por led de baixo consumo todos os puntos de luz do alumeado público
• Para financiar este proxecto o concello conseguiu acceder directamente a unha axuda europea a través do IDAE
Vista de A Guarda desde o Monte Santa Trega - Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Equipo de Goberno Municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, vén de facer público que “o concello de A Guarda formalizou o contrato de Renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público do concello da Guarda. A empresa concesionaria, New Energy Concept 2020 S.L., disporá de 5 meses, dende a sinatura do contrato, para completar a actuación”.
O importe do proxecto ascende a 862.497,91 € dos cales o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) subvenciona un 80% e o concello un 20 %. Para financiar esta actuación o concello conseguiu acceder directamente a unha axuda europea. Trátase dunha concesión directa de subvención a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
A execución do proxecto permitirá actuar sobre 1.881 puntos de luz, a renovación de 57 cadros, cambios de cableado deteriorado, cambios de brazos e caixas de derivación en mal estado e mellora en tomas de terra para dar máis seguridade a instalación.
Os resultados esperados, dende o punto de vista económico e de aforro enerxético, son unha redución da potencia instalada en 158,53 kW (58,8 %), unha redución do consumo anual de enerxía eléctrica en 788.695 kWh/ano (67,72 %), unha redución do custo anual do consumo de enerxía de 67,7 % o que representa 86.746 € e unha redución no custo de mantemento valorada en 18.810 €.
Dende o punto de vista medioambiental prodúcese unha importante redución das emisións de CO2, estimada nun 67,72 % o que equivale a que se deixan de emitir 412,87 tCO2 eq/ano. A isto hai que engadir a posibilidade de diminuir a contaminación lumínica grazas a implantación dun sistema de telexestión punto a punto que permite un control da iluminación en función das necesidades.
O cambio das luminarias do concello de A Guarda inflúe directamente sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) ao actuar sobre o clima e a sustentabilidade da comunidade. A súa vez esta actuación é unha das medidas chave do Plan dos Alcaldes Polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES). Plan aprobado polo concello de A Guarda en novembro de 2020 no que o concello se compromete, xunto con outros moitos gobernos locais do mundo, a cumprir cuns determinados obxectivos en materia de clima e enerxía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario