24 de feb. de 2021

A GÁNDARA (SALCIDOS)

O Concello de A Guarda anima ás familias a matricular aos cativos e cativas na Escola Unitaria da Gándara  

E recorda que o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2021/2022 nas escolas infantís comeza a partires do vindeiro día 1 do mes de marzo

 

Lara, docente neste curso lectivo, nun momento de recreo na Escola Unitaria da Gándara - Fotos: C.A.G.

 

Infogauda / A Guarda

 O concello da Guarda vén de poñer en marcha unha campaña para pór de manifesto as vantaxes da educación nun centro educativo coma a Escola Unitaria da Gándara.  

 A través dun vídeo, pais, nais e a profesora deste centro explican cales foron os motivos principais que os fixeron decidirse por matricular aos seus fillos e fillas na Escola Unitaria da Gándara e porqué aconsellan a outros pais a que matriculen aos seus fillos de cara ao vindeiro curso lectivo.

 

Alumnado da Escola Unitaria da Gándara desenvolvendo unha actividade creativa no interior da aula
 

 Diana, Neli e Isidro, nais e pais de alumnos deste centro educativo, dan constancia neste vídeo que a educación na Escola Unitaria da Gándara é máis especializada, cunha mellor atención por parte dos docentes ao teren unha ratio inferior de alumnos, o que lles permite adicar máis tempo a cada alumno, ademais de que ao teren alumnos de diferentes rango de idades, os máis pequenos aprenden tamén dos máis grandes e os máis grandes axudan aos máis pequenos.  

 Pola súa banda, Lara, docente neste curso lectivo, valorou tamén no vídeo a proximidade e o trato especializado e individualizado aos alumnos e alumnas, convidando aos pais e nais a matricular aos seus fillos neste centro. 

 O concello de A Guarda recorda que o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2021/2022 nas escolas infantís comeza a partires do vindeiro día 1 do mes de marzo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario