24 de feb. de 2021

A GUARDA

O Concello de A Guarda creará espazos axardinados na estrada de Circunvalación 

•    Os traballos serán realizados pola empresa local de xardineiría San Jerónimo Emiliani 

 

          Na imaxe unha das zonas onde está prevista á intervención de axardinamento

 

Infogauda / A Guarda

 O Equipo de Goberno Municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz vén de facer público que "o Concello da Guarda porá en marcha nos próximos días un proxecto para a mellora estética das zonas verdes existentes na estrada de Circunvalación ao seu paso polo barrio da Cruzada".  

  Desde Praza do Reló, nº 1, comunican que o concello encargou a proposta de mellora do axardinamento nesta estrada á San Jerónimo Emiliani S.L.U. - empresa inclusiva constituída en 1997 como centro especial de emprego - xa que a mesma conta cunha ampla experiencia na zona debido a que desenvolve labores de mantemento na mesma. 

 Este proxecto contempla a plantación de preto de 90 especies, entre as que destacan magnolios (Magnolia grandiflora), hortensias, figueiras (Ficus carica), érbedos (Arbutus unedo), entre outros xéneros arbóreos - como o Eriobotrya - e arbustivos, elixidos especialmente para este espazo polas súas características e o seu mantemento, atendendo tamén a criterios biolóxicos, ecolóxicos, estéticos e económicos. A hora de redactar a proposta a empresa tivo en conta que a actuación está moi condicionada pola influencia dos ventos marítimos e a  salitre. 

 

                     Zonas onde está prevista a dotación de especies de xardín
 

 Os traballos realizaranse nun total de 6 tramos, dende o Colexio Público Manuel Rodríguez Sinde ata a altura do nº 99 da estrada de Circunvalación, actuando nas dúas marxes da estrada.

 Desde o Concello lembran que "a esta  mellora do axardinamento  na  zona da Cruzada hai que engadirlle as actuacións que o concello está desenvolvendo noutros espazos da localidade. Así estánse replantando varias árbores ao carón da zona escolar da Sangriña, na Armona  e en varias rúas da localidade,  e realizouse unha mellora de axardinamento na rúa Puerto Rico, preto da intersección co comezo da rúa de baixada á Area Grande. O concello de A Guarda segue incrementando os espazos verdes en liña coa procura da mellora paisaxística  da localidade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario