28 de xan. de 2021

VAL MIÑOR

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento 

A Xunta de Galicia contribúe a reducir a afección das augas residuais ao esteiro do Miñor xestionando as depuradoras dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, que deben actuar nas súas redes  

A directora de Augas de Galicia destaca a colaboración cos concellos do Val Miñor nas responsabilidades de competencia municipal, así como o esforzo investidor para garantir a axeitada calidade dos servizos de auga que se dán aos veciños 

 


Subliña que o labor de inspección de Augas de Galicia permitiu a emenda de 10 puntos de vertido contaminantes na Foz do Miñor e na súa contorna  

Pon o acento na importancia do diagnóstico da rede municipal de Gondomar, pendente da auditoría comprometida polo Concello, para poder planificar de forma axeitada as actuacións precisas na estación de augas residuais


Infogauda / Val Miñor

  A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia a contribución da Xunta de Galicia para reducir a afección das augas residuais ao esteiro do Miñor, xestionando as depuradoras municipais dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, que deben actuar nas súas redes municipais de saneamento.

 Teresa Gutiérrez puxo en valor a colaboración da Xunta cos concellos desta zona para acadar a correcta prestación dos servicios de competencia municipal, así como o esforzo inversor do Goberno galego para garantir a axeitada calidade da auga aos veciños destes municipios.

 Destacou que Augas de Galicia vén realizando o control, inventario, seguimento e emenda dos puntos de vertedura, como parte imprescindible dun labor dirixido a acadar a calidade das masas de augas. Ese labor de inspección de Augas de Galicia ten permitido, coa colaboración municipal, a emenda de 10 puntos de vertido contaminantes na Foz do Miñor e na súa contorna.

 A directora de Augas de Galicia explicou que este labor de seguimento e control dos puntos de vertedura, continúa e continuará, coas campañas rutineiras que vén realizando Augas de Galicia nos distintos municipios implicados.

 No caso da depuradora de Gondomar, Teresa Gutiérrez, incidiu en que a Xunta vén explotando a depuradora municipal desde o ano 2005, que supuxo un custo autonómico de máis de 8 millóns de euros ata 2020, e que a xestión desa depuradora municipal por parte da Xunta vén de ser prorrogada ata maio 2022 destinando para isto un importe de 1,172 M€, tras renovarse recentemente a colaboración co Concello, en aras de axudar ao municipio no exercicio das súas competencias.

 A responsable da entidade hidráulica da Xunta indicou que o Concello de Gondomar se comprometeu a realizar, no prazo dun ano desde a formalización desa colaboración, un informe diagnóstico da rede, de forma que, unha vez coñecidos os resultados, se poida planificar de forma axeitada as actuación necesarias na estación depuradora de augas residuais.

 A este respecto, dixo, o Concello de Gondomar deberá, ademais, manifestar a súa conformidade ao estudo de alternativas de implantación de decantación secundaria remitido ao Concello xa en outubro de 2019, para a selección dunha das propostas presentadas, así como o compromiso de posta á disposición dos terreos necesarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario