O PLAN REVITALIZA RETOMA CON FORZA A ACTIVIDADE ESCOLAR TRAS AS FESTAS LEVANDO OBRADOIROS SOBRE COMPOSTAXE A CINCO COMARCAS EN SÓ UNHA SEMANA
Ata o venres persoal técnico do CEIDA estará en Vilanova de Arousa, Gondomar, Ponteareas, Moaña e Tui con rapaces de Infantil, Primaria e Secundaria e tamén con profesorado
As crianzas de Infantil e de primeiro de Primaria gozarán con ‘Os bichocos e a composteca’ e co xacoñecido e reclamado ‘Xogo da miñoca’ - Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
Despois do parón das festas de Nadal o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra inicia as actividades lúdicas en centros de ensino nunha semana coa axenda completa na que chegará a cinco comarcas: Arousa, Val Miñor, Condado, Morrazo e Baixo Miño. No día de hoxe os técnicos do CEIDA levarán os obradoiros didácticos sobre compostaxe ao CEIP Viñagarande de Deiro en Vilanova e ao CEIP Serra de Vincios de Gondomar, onde as crianzas de Infantil e de primeiro de Primaria gozarán con ‘Os bichocos e a composteca’ e co xacoñecido e reclamado ‘Xogo da miñoca’.
A semana continuará mañá martes en Ponteareas, no CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas, tamén coa rapazada de Infantil e ‘Os bichocos’, e no CEIP Serra de Vincios de Gondomar, onde lle tocará ás clases de segundo de Primaria aprender máis sobre como se produce compost cos biorresiduos.
En Moaña, o persoal técnico do CEIDA estará no IES Paralaia coa actividade ‘Quen vive aí?’ o mércores, xoves e venres para o alumnado de diferentes cursos de primeiro da ESO e de Bacharelato. O xoves tamén haberá actividade no CEIP nº1 de Tui, con formación da ANPA e o profesorado.
Tal e como aconteceu no primeiro trimestre do curso todas as actividades didácticas sobre compostaxe están adaptadas ao ‘momento Covid-19’, reducindo o número de persoas participantes, mantendo a distancia física e as medidas sanitarias correspondentes co fin de evitar os posibles contaxios dentro do ámbito educativo.
As actividades dispoñibles para os centros de ensino poden consultarse na web revitaliza.depo.gal, e consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnadoa pesares da pandemia. A grandes liñas mantense o perfil dos obradoiros do curso pasado, pero sendo aínda máis demostrativos e sen movementos e interaccións entre as e os participantes, dividindo os grupos noutro smais pequenos no caso de ser necesario, e ampliando o número de persoal de monitorado, cunha proposta personalizada tanto na duración, número de participantes, espazos a empregar e circunstancias de cada centro.
O interese polo programa Revitaliza nos centros de ensino está claramente ‘in crescendo’. As actividades para escolares chegaron no ano 2020 a máis de 8.000 escolares, unha cifra considerada como todo un éxito por parte da Deputación xa que, ademais, aumenta ao contabilizar os datos por cursos escolares: no 2019-2020 celebráronse 420 obradoiros para 9.628 crianzas -a pesares de que o terceiro trimestre non foi operativo-, e só no primeiro trimeste do vixente curso contabilizáronse 2.055 nenos e nenas en 138 actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario