26 de xan. de 2021

O ROSAL

Unha unidade móbil de doazóns de sangue visitará O Rosal o vindeiro 2 de febreiro  

Instalarase na Praza do Calvario e atenderá de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas


As persoas que desexen doar deben pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828   

 

Infogauda / O Rosal

 A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará no Rosal o vindeiro martes 2 de febreiro. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas.  

 Nunha situación excepcional como a que se está a vivir neste momento de crise sanitaria, o Centro de Transfusión extrema os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, pídese a todas as persoas que desexen doar sangue que pidan cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes. 

 En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.  

 Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.  

 A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos quere agradecer a colaboración da veciñanza do Rosal para continuar co seu labor de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia, que cada día precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario