26 de xan. de 2021

O ROSAL

O Concello do Rosal atenderá  ao público só con cita previa  

Ante a situación sanitaria actual, dende este mesmo martes 26 de xaneiro será necesario pedir cita para calquera servizo administrativo

 


Infogauda / O Rosal

 O equipo de goberno municipal do concello rosaleiro vén de facer público que ante a actual situación sanitaria, na que Sanidade sitúa a todos os concellos de Galicia en nivel de alerta máximo, o Concello do Rosal pasará desde este mesmo martes 26 de xaneiro a atender ao público soamente con cita previa. Poderá solicitarse chamando ao teléfono 986 62 50 00 ou enviando un correo electrónico ao enderezo notifica@concellodorosal.es. A duración ou modulación desta medida preventiva dependera da evolución da situación e das directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes.  

 Esta medida afectará a todos os servizos administrativos municipais, agás o rexistro de entrada, que continuará funcionando con todos os protocolos de prevención necesarios para facilitar o acceso á veciñanza e minimizar o risco de contaxio. Dende o Concello anímase a todos os veciños e veciñas a que realicen todos os trámites posibles a través da sede electrónica e que limiten a solicitude de cita previa para causas necesarias e trámites imprescindibles.  

 “Somos conscientes do complicado da situación, pero agora máis que nunca debemos ser responsables ante o que estamos a vivir e tomar todas as medidas que poidamos para tentar frear a pandemia. Queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade pero tamén lembrar que é importante non relaxarse porque estamos ante un momento decisivo para tratar de dobregar a situación e volver pouco a pouco á normalidade. Seguir neste camiño de recuperación vai depender de todas e todos nós. Por iso, agora máis que nunca, debemos de estar unidos ante este reto colectivo”, recorda a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es, e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario