25 de xan. de 2021

O ROSAL

O Concello do Rosal aprobará uns orzamentos que priorizan máis que nunca ás persoas  

Para este 2021 increméntase o gasto corrente e social, e inclúense investimentos que apostan polo benestar social, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvovemento local, a mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental  

O pleno celebrarase este xoves 28 de xaneiro ás 20.30 horas  

 

                               A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís
 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal aprobará este xoves 28 en pleno uns orzamentos reestruturados tendo en conta a nova realidade e “tecidos para aplicar políticas que prioricen máis que nunca ás persoas”. “As circunstancias que preceden e engloban os orzamentos para este 2021 obrigounos a reinventarnos para seguir proxectando, camiñando e progresando antepoñendo a saúde pública. As situacións excepcionais requiren de respostas excepcionais e na administración local debemos empregar todas as competencias e mecanismos á nosa disposición para sumar na reactivación social e económica respectando, colaborando e dando cumprimento a todas as medidas de saúde pública”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández. 

 Estes orzamentos superan os 3,3 millóns de euros e contemplan un importante incremento no gasto corrente e social, ademais da inclusión de investimentos que apostan polo benestar social, a proximidade, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvolvemento local, a transformación en termos de mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental facendo un esforzo a prol da elaboración de proxectos de eficiencia nas liñas de actuación nas que camiña a Unión Europea.  

 Coa análise da execución dos tres exercicios anteriores, e tratando de que os créditos previstos sexan suficientes para recoller o gasto corrente previsto, incrementouse nun 9% a partida de gastos en bens correntes e servizos, que ronda os 1,5 millóns de euros. Destaca tamén o importante esforzo do Goberno local por mellorar o servizo de atención á dependencia, que incrementará nun 29% o número de horas e contará cun orzamento total asignado de case 220.000 euros. 

COLABORACIÓN COAS COMUNIDADES VECIÑAIS DE TRAÍDAS DE AUGAS

 Por primeira vez, estes orzamentos apostan pola colaboración coas traídas de augas nun sentido amplo, a través dunha liña de subvencións para o investimento nas traídas de augas veciñais e tamén implementando gasto corrente para a realización de analíticas. Para a rexedora “é un paso importante na posta en valor dun eido de implicación da veciñanza nun elemento tan esencial na vida das persoas como é a auga”.   

 Por outra banda, consolídase e increméntase o investimento en promoción cultural, que se adapta ás características demográficas do municipio, cunha veciñanza dispersa e envellecida. O Goberno municipal continúa así a súa aposta por levar a cultura aos barrios, “facilitandoo seu acceso a todas as persoas e con eventos totalmente adaptados á nova realidade”. Unha programación cultural na que a igualdade xogará un papel importante “máis alá dos meses habituais nos que hai programación desta temática” e na que se fará tamén un esforzo importante na colaboración e visibilización das festas populares do concello.  

 Incremento tamén do 7,2% para subvencións municipais correntes que, como todos os anos, se centran na súa maioría en apoiar iniciativas relacionadas con servizos sociais, na que se duplica a dotación, e actividades deportivas e culturais. A distribución dos máis de 321.000€ deste apartado farase a través do Plan Estratéxico de Subvencións, un instrumento pioneiro posto en marcha polo Goberno municipal para realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das distinta axudas ao tecido asociativo, “apoiando na medida do posible o traballo que desenvolven en distintos eidos as asociacións rosaleiras coa implicación da veciñanza, contribuíndo a  mellorar a realidade do noso concello”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario