13 de xan. de 2021

O ROSAL

Cribado voluntario masivo PCR O Rosal  

O Sergas comezará a vindeira semana a facer as probas diagnósticas, que se realizarán en Vigo nun centro aínda por determinar  

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse na páxina covid.orosal.gal ou a través da web do Concello  


Infogauda / O Rosal

 No día de hoxe, o Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal fixo público que ante a alta incidencia acumulada da COVID-19 no Rosal nos últimos días, o Concello propuxo ao Servizo Galego de Saúde a realización dun cribado masivo voluntario a través de probas PCR que permita identificar a positivos asintomáticos dos que non se teña constancia e axudar así a reducir a propagación do virus. Por este motivo, desde este mesmo mércores xa está habilitada a páxina covid.orosal.gal, na que as persoas interesadas en colaborar poden inscribirse enchendo un sinxelo formulario. A inscrición tamén estará accesible dende a páxina web do Concello.

 Unha vez recollidos os datos das persoas voluntarias serán trasladados ao Sergas, que a partir de principios da vindeira semana contactará con cada un dos inscritos para dar cita para a proba PCR, un frotisnaso-farínxeo totalmente indoloro que permitirá tomar medidas que axuden a frear a transmisión. As probas realizaranse en Vigo, nun centro que se comunicará a cada persoa no momento de dar a cita.  

 Trátase dunha oportunidade de facer unha proba PCR de balde e estar seguros e seguras de se se está infectado ou non de coronavirus

 “Animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar, sobre todo a aqueles que poidan ter máis risco. A colaboración de todos e todas é fundamental para reducir o nivel de contaxio que temos nestes intres”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández, que fai tamén un chamamento á responsabilidade e á prudencia de toda a veciñanza. 

 Desde o Concello lembran que  a Xunta vén de decretar o nivel extremo de alerta en toda a comunidade autónoma, endurecendo as medidas restritivas en toda Galicia. A partir deste venres 15 de xaneiro adiantarase o toque de queda ás 22.00 horas, xa non estará permitida a mobilidade entre concellos, a hostalaría pechará a partir das 18.00 horas e os comercios ás 21.30 horas. Ademais, as reunións entre non convivintes limitaranse a un máximo de catro persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario