27 de xan. de 2021

MOUGÁS (OIA)

O Concello de Oia conmemora o CXL aniversario da Banda de Música de Mougás 

Editando un libro que sintetiza a historia desa prestixiosa formación musical

 

                              Portada do libro editado polo Concello de Oia
 

Infogauda / Mougás   

 O Concello de Oia súmase a conmemoración do CXL aniversario da Unión Musical de Mougás, publicando un libro que sintetiza os 140 anos de brillante historia desa formación musical fundada no ano 1880 na parroquia de Mougás, e que, ao longo de todo este tempo, tense consolidado como un referente entre as bandas musicais de Galicia.  

 O Concello de Oia editou esa publicación da autoría dos investigadores rosaleiros Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Tamuxe, pseudónimos de Juan Bautista Martínez González e Juan Ramón Martínez Barbosa, respectivamente.

 Baixo o título Historia da Centenaria Banda Unión Musical de Mougás (Oia), a obra recolle datos sobre a parroquia, a súa historia e patrimonio, así como un detallado estudo sobre a formación musical, os seus directores e principais actividades, desde a súa fundación ata os nosos días.  

 Para a realización da obra, a Deputación de Pontevedra, ao abeiro das subvencións dirixidas aos concellos para as actividades de dinamización da lingua galega do ano 2020, concedeulle ao Concello de Oia unha axuda por importe de 5.000 euros. A achega municipal é de 445 euros.  

 Segundo indicou Cristina Correa Pombal, alcaldesa de Oia, ao longo do presente exercicio o concello ampliará a tirada inicial, aumentando dese xeito, o número de exemplares para poñelos a disposición do público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario