8 de dec. de 2020

DEPORTES

ATLETISMO

MILU RODRÍGUEZ BAZ, SUBCAMPIOA DE ESPAÑA DE 10 KM. MARCHA NO INVERNO

A atleta de A Guarda, competiu na categoría Máster  45 feminina

 

No podio da categoría Máster 45 feminino, de esq. á der.: Milu Rodríguez Baz, Olga Cabrera Ysas e Sonia Nieto Díaz

 

Informa: Sociedade Atlética do Trega

 A marchadora guardesa Mª Emilia Rodríguez Baz (Milu), do club Sociedade Atlética do Trega vén de proclamarse subcampioa de España do 10 Km. Marcha no inverno, na categoría Máster 45 feminino. Esa é, en síntese, á versión resumida da súa xesta deportiva, porén para aproximarnos siquera un chisco á realidade vivida pola nosa atleta, compre que saibamos algo máis.

 Esta pasada fin de semana nosa atleta Milu desprazouse a Madrid, concretamente, a Getafe, localidade que acolleu o XXIV / XVII Campionato de España Máster Individual de Marcha en Roteiro de 10 Km, onde paralelamente celebrouse tamén o Campionato de Promoción  para o resto das categorías con diferentes distancias.  

 A proba celebrouse este domingo día 6 de decembro en xornada matinal, no circuíto situado na Avenida Juan Carlos  I - sector III, circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo (R. F.E.A.).  

 

        Milu Rodríguez Baz, coas luvas na súa man dereita, nun momento da proba
 

 Despois do pistoletazo de saída, ás 9:57 horas deu comezo a proba de Milu,  cunha mañá moi fría, con menos de 5º e con moito vento, onde as condicións climatolóxicas adversas obrigaron a facer unha proba durísima e interminable, motivo polo cal nosa marchadora, guerreira, loitadora, pasóuselle en varias ocasións pola cabeza o abandono. Aínda así soubo repoñerse á súa dureza, mantendo con firmeza e valentía o desafío deses 10 km que tivo que percorrer, entrando en meta en 2ª posición, facéndose coa medalla de prata e co subcampionato da categoría Máster 45 feminino, cun rexistro de 1:00:41 (1 hora e 41 segundos), non podendo mellorar súa marca persoal.  

 


 Lembrar tamén que con esta nova medalla Milu mellora á de Chocolate que conseguira anteriormente, no mes de febreiro deste ano, na distancia de 20 km en roteiro,  en Torrevieja (Alicante).  

 E por último recalcar e sinalar que despois de tantos meses de traballo e preparación, cos ingredientes de entrega, disciplina e constancia, a nosa formidable atleta puido unha vez máis con esta batalla, a pesar dos tempos difíciles que nos toca vivir, respecto a pandemia, con moitos problemas para adestrar día a día.    

 Fazañas como esta demostra que o atletismo do Baixo Miño, segue vivo e coleando. 

 Moitas felicidades  Milu! 

 A seguir así e que chegue pronto o ouro.

A GUARDA

CELSO RODRÍGUEZ FARIÑAS PROPÓN A ADECUACIÓN DA CONTORNA DA PISTA DE PATIÑAXE

O concelleiro de Converxencia Galega demanda unha intervención para subsanar a acumulación de augas pluviais na zona

 




Infogauda / A Guarda 

 O concelleiro Celso Rodríguez Fariñas, do Grupo Municipal Converxencia Galega, no Concello de A Guarda, vén de facer unha breve análise da situación na contorna da pista de patinaxe da zona da Fontiña, e súa correspondente proposta de intervención, como indica do seguinte xeito:

CANDO UNHA BOA INTENCIÓN SE QUEDA NUN MAL ARRANXO  

 As choivas destes días viñeron a pór de manifesto, a mala ou nula planificación e deseño, con que se fan as instalación municipais, en concreto, podemos falar, da situación en que se atopa a pista de skate, donde [hai] unha boa intención de acoplarlle unhas rampas de acceso para patinadores, usuarios e visitantes. 

 

 


 

 O que antes era un pequeño espazo de acumulación de auga da choiva, levou a que a carencia de drenaxe, provocara un estancamento, que pon en risco a integridade física de quenes transitan polo lugar, ou que o primeiro despiste das persoas ou dos conductores, lles regalen gratuitamente un bo baño. 

 Unha canalización deica o paseo ou un pequeño drenaxe dese espazo, evitaría a situación actual. 

 Como dí o refraneiro popular, “unha imaxe vale máis que mil palabras”, o peor é que quenes fan as obras, non reciben nin opinión de quenes as encargan nin de quenes teñen a obriga de realizalas. 

 Por todo isto dende CONVERXENCIA GALEGA, consideramos que é unha necesidade a adecuación dese espazo, para evitar o que sucede nas pistas de skape e nos espazos aledaños donde é unha quimera poder pasear, camiñar e menos facer uso deles nestas épocas ainda que pasen varios días sin que chova.  

A Guarda, a 06 de decembro do 2020   

        

Celso R. Fariñas 

Concelleiro de CONVERXENCIA GALEGA

A GUARDA

O centro As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campos, de A Guarda, acada o primeiro premio do concurso ‘Pilabot’ coa recollida de máis de 4.000 quilos de pilas  

O Centro Rural Agrupado Amencer de Ribadavia acada por segundo ano o primeiro premio da categoría quilos de pilas por alumno cun ratio de recollida de case 87 Kg por alumno

 

Infogauda / A Guarda

  A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a segunda edición do concurso de recollida de pilas Pilabot, un certame no que participaron 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia e que se saldou coa recollida de preto de 59 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, un 34% máis na primeira edición.

 Os centros gañadores do certame, que se enmarca nunha campaña de sensibilización para fomentar a recollida selectiva deste tipo de residuos entre os escolares galegos, son o CEIP As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campos (A Guarda) e o CRA Amencer (Ribadavia). Estes dous colexios conseguiron as mellores cifras de recuperación nas dúas categorías nas que se dividía o concurso: quilos de pilas, baterías e acumuladores recompilados nos contedores dos propios centros; e cifras de recollida por alumno.

 Concretamente, o Centro de Educación Infantil e Primaria As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campos levouse o primeiro posto en termos absolutos, xa que recolleu un total de 4.065 quilos de pilas e baterías nas súas instalacións; seguido do CEIP da Cruz (Nigrán, que acadou o segundo grazas a recollida de 2.926 Kg.

 Na segunda categoría do concurso o Centro Rural Agrupado Amencer de Ribadavia acadou o primeiro premio da categoría quilos de pilas por alumno cun ratio de recollida de case 87 Kg por alumno; polo que este centro educativo volve a erixirse por segundo ano consecutivo con este galardón e incluso mellora a ratio ao superar os 65 quilos por estudante na anterior edición. O segundo centro premiado nesta categoría foi o CEIP de Caión (A Laracha) con 46,41 Kg por alumno.

 Os catro centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.

Campaña ‘Pilabot’

 Cómpre lembrar que a campaña Pilabot foi posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos xestores deste tipo de residuos autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), co obxectivo de fomentar a reciclaxe de pilas entre os escolares galegos e as súas familias.

 Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.

 Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas, reloxos... polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.

GALICIA

A Xunta de Galicia baixará o prezo das peaxes de varios treitos das autoestradas autonómicas en 2021 e manterá estable o resto  

As autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) continuarán a ser das máis baratas de España 

 


Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia baixará en 2021 o prezo das peaxes de varios treitos das autoestradas autonómicas e manterá estable o resto. Desa forma, as autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e a do Val Miñor (AG-57) continuarán entre as autoestradas máis baratas de España.

 A partir do vindeiro 1 de xaneiro, os prezos da autoestrada que une Vigo e Baiona, a AG-57, seguirán sendo os mesmos que na actualidade para os vehículos lixeiros, agás no treito A Ramallosa-Baiona, que baixa 5 céntimos. No caso dos vehículos pesados de tipo 1, baixarán 5 céntimos as peaxes dos treitos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona. E para os vehículos pesados de tipo 2, aplicaranse rebaixas de 5 céntimos en 7 dos 11 centros da autoestrada. Naqueles treitos nos que as peaxes non baixen, permanecerán como ata agora.

 No caso da autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55) os prezos manteranse en todos os treitos para os vehículos lixeiros. Tamén será así para os vehículos pesados de tipo 1, agás no treito Paiosaco-A Laracha, que baixa 5 céntimos. Baixan, tamén, 5 céntimos, os prezos de 5 dos treitos da autoestrada para os vehículos pesados de tipo 2, mentres que o resto seguirá como ata agora.

 Durante o ano 2021, a Xunta seguirá a aplicar o réxime de bonificacións de peaxe que se vén aplicando tanto para usuarios frecuentes, que realizan a viaxe de ida e volta no mesmo día, como para os que realizan as viaxes en horario nocturno.

 Ademais, en 2021 comezarán a aplicarse bonificacións a usuarios que pertenzan a familias numerosas.

Bonificacións

 Na actualidade, e desde o ano 2010, a Xunta bonifica as viaxes de usuarios habituais das dúas autoestradas de titularidade autonómica. Así, os días hábiles bonifícase un 25% o importe da viaxe de volta realizada no mesmo día que a ida, e o 50% da segunda viaxe de volta e posteriores sempre que se fagan tamén no mesmo día. Estes descontos son aplicables tanto a vehículos lixeiros como a pesados que empreguen a telepeaxe como medio de pago.

 Ademais, desde outubro do ano 2019, aplícanse descontos do 50% ás viaxes realizadas en horario nocturno, entre as 0:00 e as 6:00 horas de mañá, aplicándose a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pago con telepeaxe.

 En ambos casos o importe desas bonificacións descóntaselle ao cidadán e asúmeo a Xunta, repercutindo o aforro directamente nos usuarios destas autoestradas.

 Ademais, ao longo do vindeiro ano, a Xunta empezará a aplicar unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas.