8 de dec. de 2020

DEPORTES

ATLETISMO

MILU RODRÍGUEZ BAZ, SUBCAMPIOA DE ESPAÑA DE 10 KM. MARCHA NO INVERNO

A atleta de A Guarda, competiu na categoría Máster  45 feminina

 

No podio da categoría Máster 45 feminino, de esq. á der.: Milu Rodríguez Baz, Olga Cabrera Ysas e Sonia Nieto Díaz

 

Informa: Sociedade Atlética do Trega

 A marchadora guardesa Mª Emilia Rodríguez Baz (Milu), do club Sociedade Atlética do Trega vén de proclamarse subcampioa de España do 10 Km. Marcha no inverno, na categoría Máster 45 feminino. Esa é, en síntese, á versión resumida da súa xesta deportiva, porén para aproximarnos siquera un chisco á realidade vivida pola nosa atleta, compre que saibamos algo máis.

 Esta pasada fin de semana nosa atleta Milu desprazouse a Madrid, concretamente, a Getafe, localidade que acolleu o XXIV / XVII Campionato de España Máster Individual de Marcha en Roteiro de 10 Km, onde paralelamente celebrouse tamén o Campionato de Promoción  para o resto das categorías con diferentes distancias.  

 A proba celebrouse este domingo día 6 de decembro en xornada matinal, no circuíto situado na Avenida Juan Carlos  I - sector III, circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo (R. F.E.A.).  

 

        Milu Rodríguez Baz, coas luvas na súa man dereita, nun momento da proba
 

 Despois do pistoletazo de saída, ás 9:57 horas deu comezo a proba de Milu,  cunha mañá moi fría, con menos de 5º e con moito vento, onde as condicións climatolóxicas adversas obrigaron a facer unha proba durísima e interminable, motivo polo cal nosa marchadora, guerreira, loitadora, pasóuselle en varias ocasións pola cabeza o abandono. Aínda así soubo repoñerse á súa dureza, mantendo con firmeza e valentía o desafío deses 10 km que tivo que percorrer, entrando en meta en 2ª posición, facéndose coa medalla de prata e co subcampionato da categoría Máster 45 feminino, cun rexistro de 1:00:41 (1 hora e 41 segundos), non podendo mellorar súa marca persoal.  

 


 Lembrar tamén que con esta nova medalla Milu mellora á de Chocolate que conseguira anteriormente, no mes de febreiro deste ano, na distancia de 20 km en roteiro,  en Torrevieja (Alicante).  

 E por último recalcar e sinalar que despois de tantos meses de traballo e preparación, cos ingredientes de entrega, disciplina e constancia, a nosa formidable atleta puido unha vez máis con esta batalla, a pesar dos tempos difíciles que nos toca vivir, respecto a pandemia, con moitos problemas para adestrar día a día.    

 Fazañas como esta demostra que o atletismo do Baixo Miño, segue vivo e coleando. 

 Moitas felicidades  Milu! 

 A seguir así e que chegue pronto o ouro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario