7 de nov. de 2020

A GUARDA

CULTURA 

“DE MAR A MAR”, DO POETA FELICIANO ROLÁN VICENTE, SERÁ REEDITADO EN CASTELÁN E EN GALEGO

· A iniciativa literaria será promovida pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro 

 

Monumento ao poeta Feliciano Rolán Vicente, erixido en 1972 nos xardíns que levan seu nome

Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro de A Guarda, presidida por Joaquín Cadilla Castro, ten, entres outros, o proxecto de recuperar á memoria humana e literaria do poeta Feliciano Rolán Vicente, reeditando o poemario “De Mar a Mar”. A previsión - segundo nos dixo Celso Rodríguez Fariñas, secretario da Asociación Piueiro - é que sexa en edición bilingüe (castelán-galego), que estará ao coidado do filólogo, escritor e estudoso da literatura galega, Anxo Angueira Viturro, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, con sede na Casa Museo de  Rosalía.   

 Temos constancia que a proposta de Pueiro conta co beneplácito dos irmáns Adolfo e Emilio Rolán Mosquera, sobriños de Feliciano Rolán Vicente. Precisamente con Emilio Rolán temos conversado recentemente e podemos afirmar que segundo nos referiu non hai ningún inconvinte para que Piueiro leve a bo termo esa iniciativa literaria.

FELICIANO ROLÁN VICENTE: UNHA VOZ POÉTICA IRREPETIBLE  

 Feliciano Rolán Vicente, nace en Vigo, o día 9 de xuño do 1907. É fillo de Dona María Vicente Alvarez e de D. Emilio Rolán Vicente, matrimonio que tiveron outros catro fillos máis.   

 Ainda que con grandes dificultades económicas, pois tivo que afrontar o prematuro falecemento de seu pai, fixo os estudos de bacharelato no Colexio Apóstolo Santiago, dos PP. Xesuítas, de Vigo.                

 En 1923, pasa a vivir coa súa familia a Santiago de Compostela, en cuxa Universidade, Feliciano Rolán cursa Dereito, licenciándose en 1928 coa cualificación de sobresaínte, doutorouse en Madrid en 1929.  

 

Feliciano Rolán - segundo pola dereita - con varios amigos en Santiago de Compostela
   

 Forma parte de “Los Úbedas”, grupo de amigos - entre os cales, ademáis de Feliciano Rolán, estaban, entre outros, Luis Tobío, Juan Fenollera, Modesto Blanco, Manuel Facorro,  Rafael Areses, Fidalgo, Joaquín Sobrino, Carlos Pastrana, Castro Rial, Manolo García, Francisco Fraga Fraga, Novoa Somoza, Somoza García, Arias, Campos, Mauro e Benigno Varela, Rafael Rivero e César Torres Martínez - que naquela altura organizan actividades - viaxes e acampadas -, manteñen charlas literarias e comparten inquedanzas culturais.    

 Rematados seus estudos xurídicos, obtivo - por oposición do Plan Fernando de los Ríos -  unha cátedra de Dereito Administrativo na facultade compostelana, onde exerceu de profesor. 

 

                                              Feliciano Rolán Vicente
 

 Feliciano tiña tamén moitos contactos coa elite do mundo literario de Madrid, entre os cales estaban Federico García Lorca, Ernestina de Champourcin, Juan José Domenchina, Dámaso Alonso, Enrique de Azcoaga, Guillermo de la Torre, Enrique Romero Archidona, Jesús Nieto Pena, Enrique Díaz Canedo, Alejandro Marqueríe, J. Guerrero Ruíz, Benjamín Jarnés, Dictinio del Castillo, Carlos Martínez Barbeito,..., entre outros, patrocinados na súa maioría polo Premio Nobel, D. Juan Ramón Jiménez.

 Na súa estadía na cidade compostelá, como estudante e logo como profesor, coincidiu con artistas e escritores como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Ricardo Carballo Calero, José María Castroviejo, Eugenio Granell, Carlos Maside, Luís Seoane, Dictinio de Castillo-Elejabeytia Fernández, Arturo Cuadrado,...   

 Precisamente na libraría de Cuadrado, na rúa Calderería, era onde tiñan lugar algunhas das reunións nas que participaban moitos dos devanditos intelectuais, e onde dalgún xeito xurdiu a Editorial Niké, entre outras achegas culturais daquela época.    

 Sen ter unha destacada actividade política pública, Feliciano Rolán Vicente desempeñou nun breve espazo de tempo, a secretaría particular do catedrático de Dereito Administrativo en Santiago de Compostela e Salamanca, e de Dereito Político en Granada - súa cidade natal -, Joaquín García Labella. 

 

        “Huellas”, de Feliciano Rolán. Portada e dibuxos interiores de Luis Seoane

 

 En 1932, Feliciano contrae a tuberculose, doenza moi habitual naquela época, que sería a causa do seu falecemento. Neste ano publica “Huellas”, seu primeiro libro, adicado aos seus antigos compañeiros da universidade e amigos “Los Úbedas”, ilustrado por Luís Seoane ao coidado da editorial Nós, en Santiago de Compostela. Ingresado no Sanatorio de La Fuenfría – desde 1984 denomínase Hospital La Fuenfría -, en Cercedilla na serra de Madrid, mantén unha regular comunicación epistolar con Ernestina Michels de Champourcin y Morán de Loredo (Ernestina de Champourcin), considerada a poeta española máis importante entre o grupo feminino da Xeración do 27, e continúa enviando colaboracións poéticas ao xornal “El Sol”, de Madrid, moitas de cuxas poesías serían incluídas logo na súa obra “De Mar a Mar” (1934).

 

                     Portada dun exemplar da 1ª edición do libro “De Mar a Mar”

 A primeira edición do libro “De Mar a Mar”, rematouse de imprimir na imprenta de S. Aguirre, de Madrid, o día 3 de outubro de 1934. A publicación  foi patrocinada polos amigos do poeta e por Juan Ramón Jiménez, os cales lle regalaron toda a edición. 

  

Adicatoria que Feliciano Rolán escrebeu nun exemplar do poemario “De Mar a Mar” a seu amigo Celso Candeira Pérez
 

 O día 26 de xullo de 1933, en datas próximas a seu pasamento, contraería matrimonio in articulo mortis, no propio hospital, coa súa noiva santiaguesa Dna. María Magdalena Murcia Abollo, a Nadga presente nalgúns dos poemas de Felicio, hipocorístico co cal Feliciano Rolán Vicente asinaba en diversas ocasións. O matrimonio non tivo descendencia. 

 En 1934 foille concedida a Feliciano Rolán, pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas - que presidía D. Santiago Ramón y Cajal - unha pensión para estudar no extranxeiro, pero a enfermidade que lle acosa, non lle permitiría disfrutala. Ese mesmo ano se lle presentou para o Premio Nacional de Literatura, con un conxunto de poemas titulado “Ápices”.     

 Feliciano Rolán convalecería doente os derradeiros días da súa vida, na casa familiar sita na rúa Ezequiel Ordóñez, nº 35 - que posteriormente, durante a dictadura franquista pasaría a ser rúa Oliveira Salazar. Posteriormente, restablecida a democracia en España, pasou a denominarse rúa Pontevedra, e actualmente rúa de Galicia -, da vila de A Guarda, que tanto amaba. Eiquí finou ás 22:00 horas do día 3 de xaneiro de 1935, sendo soterrado no cemiterio parroquial da vila guardesa.

 A finais de xaneiro de 1935, o Lyceum Club Femenino - asociación de mulleres da elite socio cultural do país, fundada por María de Maeztu, que estivo en activo en Madrid, entre os anos 1926 e 1939, e da que foi secretaria Ernestina de Charpurcin, e onde coñeceu en 1930 a Juan José Domenchina, escritor e crítico literario, que foi secretario persoal de Manuel Azaña Díaz, político (presidente do Consejo de Ministros (1931-1933) e presidente da Segunda República (1936-1939), escritor e xornalista -; celebrou un acto de homenaxe, coa distinguida presencia, entre outros, de Federico García Lorca e Juan Ramón Jiménez. O editor Ignacio de Noreña, con enderezo na rúa Francisco de Ricci, 14 (Madrid),  publicou Homenaje al poeta Feliciano Rolán, onde se recollen as colaboracións de Álvaro Cunqueiro, Dictinio de Castillo-Elejabeytia, Xesús Nieto Pena, Juan José Domenchina, Enrique Azcoaga, Benjamín Jarnés, Enrique Díez-Canedo, Juan Ramón Jiménez, Alfredo Marqueríe e Federico García Lorca.

 De mar a mar.  

(Homenaje al poeta Feliciano Rolán)   

 La angustia de Feliciano Rolán nos va llenando cada vez con más intensidad, a medida que su cuerpo se va disolviendo entre los brazos definitivos de nuestra madre la tierra.  

 Yo he visto noticia de su muerte escrita con sangre blanca sobre las hierbas de Galicia, por donde bogarán ahora sus zapatos de poeta ahogado en niebla y apretada espuma.  "De mar a mar" hemos oído una voz pura cuyas últimas sílabas son ya secreto del agua. 

 "De mar a mar" hemos visto huir un cuerpo que llevaba un tesoro para la muerte.  

1935

Federico García Lorca


 Do triste pasamento de Feliciano Rolán Vicente deixaron testemuña da súa dor, Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira Valverde, Luís Tobío, José María Castroviejo, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Marqués de Figueroa, Fernández del Riego, Isorna Casal, García Bayón, Martínez-Barbeito,...

 En agosto de 1970 nunha conferencia, o escritor galego Carlos Martínez-Barbeito lembraba a Feliciano Rolán do seguinte xeito: “(...) Rostro de rasgos enjutos y angulosos que remataba un pronunciado mentón. Tras los cristales ceñidos de finos aros de concha, una mirada  tímida y benévola, escrutaba con dulzura, con humildad, el mundo entorno, sin que le nublara la visión el humo envolvente de su cachimba de lobo de mar varado en tierra. Era atento, cortés y mesurado. Sonreía afable y hablaba a media voz, con suave ironía a veces; otras, con un deje melancólico (...)”.  

 

                        Obras poéticas, libro de poemas de Feliciano Rolán
 

 A primeira referencia que tivemos de Feliciano Rolán foi na etapa escolar deste cronista, sendo alumno do Colexio PP. Somascos. Sobre o poeta falounos o P. Oreste, quen nos amosou a maqueta do monumento proxectado en lembranza do vate, ao tempo que motivaríanos a coñecer siquera un pouco do seu legado literario coa lectura de Obras poéticas (Vigo, Edicións Castrelos, 1970), libro de 141 páxinas, incluído na Colección Pombal- Serie Vermella, nº 5, que conta cunha introducción en castelán de Ricardo Carballo Calero, e na solapa da capa,o texto que Federico García Lorca lle adicara a Feliciano Rolán na homenaxe póstuma celebrada no Lyceum Club Femenino.

 En 1971, o pobo de A Guarda, por iniciativa do Padre Oreste Caimotto e de José Luís Lomba Alonso, director e profesor, respectivamente, do Colexio dos PP. Somascos, na localidade, a colaboración do Concello de A Guarda e dos “Úbedas”, adicoulle un xardín na zoa das Coutadas, onde en 1972 foi erixido un monumento realizado polo escultor Magín Xulio Picallo Durán, como homenaxe póstuma ao poeta Feliciano Rolán Vicente.   

 En xaneiro de 1985, con motivo do 50º aniversario do seu pasamento, por iniciativa do P. Oreste, Concello de A Guarda e Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, foille tributada unha segunda e nova homenaxe, en recoñecemento e ademiración. Previamente, o Padre Oreste publicou á obra completa do poeta, baixo o título “Feliciano Rolán. Su obra poética” (Editorial Mezquita. Madrid, 1984), libro que ademáis de recoller a producción poética de Feliciano Rolán, inclúe os máis destacados artigos adicados a él ata ese momento.

 

               Portada da revista Galicia en Madrid”, adicada a Feliciano Rolán

 Así mesmo,  no Centro Gallego e no Ateneo, de Madrid, así como no Colexio Somasco e Instituto de Aranjuez, lévanse a bó termo  ciclos de conferencias e actos sobre a figura e a obra do poeta. 

  Tamén se lle adica un número extraordinario en Galicia en Madrid”. Revista de Letras, Ciencias y Artes, que na súa portada, leva un dibuxo da pintora Alicia Mª Alonso Fernández (A Guarda, 2 de febreiro de 1945). Nesa ocasión, o Padre Oreste, reclama o xusto sitial onde debe ubicarse a Feliciano:                

 Mi querido y pobre FELICIANO ROLAN:                            

 A este punto de la historia, como una película, para reivindicar tus méritos literarios entre tus paisanos, tengo que decirte que estoy desolado.                            

 ¡Tendrás que volver al silencio por otros cincuenta años! Ninguna voz oficial española, ni de Organismos competentes, ni de tu querida Galicia, se levantó para vengar el silencio sobre ti y sobre tu obra.                

 Por una obligación moral he hecho todos los esfuerzos posibles para hacerte resucitar públicamente frente a todos los españoles, pero estos esfuerzos han sido privados, casi ocultos. Ninguna voz OFICIAL supo coger la noticia, por lo menos hasta ahora, y tu, pobrecito, volverás a entrar en el silencio, en el olvido tan injusto e inexplicable, como dice el mismo Cela…                

 “(…) ¿Quién será el culpable de este nuevo olvido? ¡No seré yo! El silencio de Galicia, supongo yo, parece que sea por tu culpa (…)” “(...) no habiendo tu escrito en gallego. Para mí, pensar así, es una ingenuidad (…)”.

 Compre salientar que desde 1986, a Agrupación Cultural Guardesa - da que este cronista é membro cofundador -, vén organizando anualmente de xeito continuado - tan soio interrumpido neste 2020 por causa da pandemia do novo coronavirus Covid-19 - o Certame de Poesía Feliciano Rolán, que en 2019 acadou súa XXXIII edición.

 Asemade, na cidade de Vigo unha rúa leva o nome de Feliciano Rolán.

 Arredor da recuperación da figura e da obra literaria de Feliciano Rolán,  o escritor César Antonio Molina leva adicado algúns dos seus folgos, como queda constancia en Oscura turba de los más raros escritores españoles (Zaragoza, Xordica, 1999), páxinas 187-201; así como En honor de Hermes (Madrid, 2005. Huerga y Fierro, editores S.L.U.) considerado un dos mellores ensaios da poesía universal contemporánea, onde lle adica unha reseña de varias páxinas, titulada FELICIANO ROLÁN: LA VOZ DEL AHOGADO.

 En definitiva, unha vez máis, nesta ocasión grazas á iniciativa da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, a vila de A Guarda, vai relembrar a seu ilustre poeta e ao mesmo tempo contribuir a espallar súa obra lírica.  

 Honra e gloria ao eximio vate do mar guardés.

 Feliciano Rolán Vicente, unha voz poética irrepetible.

 

Bibliografía:

·  VV. AA., Homenaje al poeta Feliciano Rolán, 1935. Ignacio de Noreña

· Carballo Calero, Ricardo, «Introducción a Feliciano Rolán», en Obras poéticas, 1970.  

· Caimotto, Oreste, “Feliciano Rolán. Su obra poética”, 1984.

·  VV.AA., Revista “Galicia en Madrid”, 1985.

· Molina, César Antonio, "Feliciano Rolán", en Oscura turba de los más raros escritores españoles, 1999.

·  Molina, César Antonio, "Feliciano Rolán. La voz del ahogado", en En honor de Hermes, 2005.

PESCA

Armadores da Guarda deseñan un dispositivo para salvar a vida das tartarugas mariñas  

•    Tras o curso de primeiros auxilios para axudar á supervivencia post-captura destes animais, os armadores galegos decidiron crear unhas ferramentas especiais para evitar a mortalidade no izado. 

•    Un ferreiro local deu forma aos dispositivos e antes de que finalice este ano todos os barcos da organización terán as súas dúas “ salvatortugas” a bordo.

 

Joaquín Cadilla Castro - a dereita da imaxe -, presidente de Orpagu, xunto con outros armadores, na presentación dos dous dispositivos especiais destinados a salvar a vida das tartarugas mariñas
 

 Mar Bermúdez / A Guarda

 A preocupación pola sustentabilidade e o coidado do medio mariño dos armadores de Orpagu levoulles a deseñar dous dispositivos especiais destinados a salvar a vida das tartarugas capturadas de forma accidental na manobra de izado a bordo. Esta iniciativa dos palangreiros da Guarda, pioneira en España, xurdiu por mor dun curso impartido en 2018 pola organización medioambientalista catalá Submon destinado a paliar os efectos destas capturas non buscadas.  

 Nese taller, Mariluz Parga, veterinaria cun Master en Conservación de Animais Silvestres da ONG Submon, ensinou primeiros auxilios e técnicas apropiadas para a extracción de anzois e liberación posterior das tartarugas e explicou que o momento máis perigoso era o do izado pola súa brusquidade. Isto fixo pensar aos armadores guardeses e, tras informarse de iniciativas que están a tomar outras frotas como a norteamericana que pesca nos bancos de Terranova, decidiron deseñar os seus propios “salvatartarugas”, adaptados ás particularidades dun barco de palangre e aos diferentes tamaños deste animal que se adoitan atopar nos lances de pesca. Desta forma, e coa axuda do ferreiro da Guarda, traballaron varios meses no deseño de prototipos diferentes que foron perfeccionando a medida que tomaban forma no taller.   

 Tras varias probas, finalmente foron dous os dispositivos elixidos. Os motivos da elección son varios: apenas ocupan lugar, poden ser izados sen problema polo guindastre do barco e poden alzar con seguridade tartarugas medianas e exemplares de máis de 125 quilos. Confeccionadas en aceiro inoxidable e con redes dos propios barcos, os “salvatartarugas” de Orpagu xa están rexistrados e patentados e, antes de que acabe este ano, todos os barcos da asociación contarán cos seus dous dispositivos a bordo.  

 Desta forma, a supervivencia das tartarugas mariñas capturadas por esta frota está practicamente garantida, xa que a maioría delas teñen os anzois cravados en lugares onde a extracción é factible. De feito, os armadores da Guarda xa saben como manexar a estes réptiles, como acougarlles e ofrecerlles os coidados necesarios antes de liberalos ao mar.   

 Para o ferreiro da Guarda, César Cadilla, o encargo de Orpagu foi todo un reto e unha forma de poñer o seu gran de area a favor da sustentabilidade dos océanos. Durante varias semanas, traballou man a man con Orlando Ameal, Juan Carlos Cadilla, Joaquín Cadilla, José Mauri, Pablo Rodríguez e Jesús Manuel Pérez, todos eles armadores e pescadores que cren firmemente en que o sector debe poñer todo da súa parte para garantir a supervivencia do medio que tanto lles dá.      

O palangre de superficie, unha pesca selectiva e sostible   

 O palangre de superficie é unha modalidade de pesca que consiste en lanzar unha liña con miles de anzois ao mar. Aínda que ás veces provoca capturas accidentais, trátase dunha pesca selectiva e limpa dirixida cara a especies específicas, polo que está considerada como unha actividade sostible e respectuosa cos seres mariños.  

Submon, unha referencia no coidado do medio mariño  

 Submon, a ONG que ofreceu o curso de primeiros auxilios, realiza numerosos proxectos no ámbito da conservación, estudo e divulgación do medio mariño. Integrada por un equipo multidisciplinar de especialistas e profesionais do sector, conta con veterinarios, biólogos, enxeñeiros, submarinistas e educadores cunha experiencia de entre 10 e 20 anos traballando no medio mariño a nivel nacional e internacional.

VIGO


 Diante da resolución do 5 de novembro de 2020 da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo sobre os permisos do persoal durante o período de emerxencia sanitaria, CIG-Saúde da comarca de Vigo quere manifestar: 

 A Área Sanitaria de Vigo conta cun cadro de persoal tan axustado que non permite garantir a continuidade asistencial nin xestionar as ausencias xustificadas do seu persoal. 

 O modelo de contratación elixido para xestionar o Hospital Álvaro Cunqueiro, con contratacións temporais e precarias en función do número de ingresos, non permitiu crear equipos estables e consolidar grupos de traballo. Este modelo de hospital acordeón precarizou as condicións de traballo do persoal que está nas listas de contratacións do SERGAS e fixo que moitas e moitos deixaran de estar dispoñibles para chamamentos. 

 O persoal das listas de contratacións leva sufrindo unha política de contratos por días, con chamamentos no último minuto de ausencias programadas e con contratos curtos encadeados para cubrir necesidades que son estruturais. 

 A crise sanitaria provocada pola COVID-19 non fai máis que desenmascarar esta situación, longamente denunciada, os cadros de persoal insuficientes precisan de persoas dispoñibles nas listas de contratacións, que se utilizan para cubrir ausencias e parchear os incrementos de necesidades asistenciais e tamén para cubrir necesidades estruturais. 

 Se non hai persoal dispoñible nas listas de contratacións, se os cadros de persoal están ao límite da súa capacidade para manter a continuidade asistencial, non é pola pandemia, é pola nefasta política de contratación do SERGAS nos últimos 10 anos. 

 Esta política de contratación de persoal veuse agravada na Área Sanitaria de Vigo coa apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro e co déficit histórico de persoal na nosa Atención Primaria. 

 A opinión pública debe saber quen son os responsables das dificultades para garantir a asistencia sanitaria na Atención Primaria e nos nosos hospitais, non son os permisos das traballadoras e traballadores, nin as persoas que están nas listas de contratacións, os responsables son as persoas da Xunta de Galicia e da Consellería de Sanidade que deciden as políticas de xestión do seu persoal. 

 A pesares de todo isto, o compromiso e o esforzo do persoal da nosa Área Sanitaria para facer fronte á pandemia da COVID-19 está garantido, e será este compromiso e este esforzo, xunto co comportamento responsable que está a ter a maioría da cidadanía, o que permitirá paliar os seus efectos. 

Vigo, 7 de novembro de 2020 

CIG-Saúde Comarca de Vigo