7 de nov. de 2020

PESCA

Armadores da Guarda deseñan un dispositivo para salvar a vida das tartarugas mariñas  

•    Tras o curso de primeiros auxilios para axudar á supervivencia post-captura destes animais, os armadores galegos decidiron crear unhas ferramentas especiais para evitar a mortalidade no izado. 

•    Un ferreiro local deu forma aos dispositivos e antes de que finalice este ano todos os barcos da organización terán as súas dúas “ salvatortugas” a bordo.

 

Joaquín Cadilla Castro - a dereita da imaxe -, presidente de Orpagu, xunto con outros armadores, na presentación dos dous dispositivos especiais destinados a salvar a vida das tartarugas mariñas
 

 Mar Bermúdez / A Guarda

 A preocupación pola sustentabilidade e o coidado do medio mariño dos armadores de Orpagu levoulles a deseñar dous dispositivos especiais destinados a salvar a vida das tartarugas capturadas de forma accidental na manobra de izado a bordo. Esta iniciativa dos palangreiros da Guarda, pioneira en España, xurdiu por mor dun curso impartido en 2018 pola organización medioambientalista catalá Submon destinado a paliar os efectos destas capturas non buscadas.  

 Nese taller, Mariluz Parga, veterinaria cun Master en Conservación de Animais Silvestres da ONG Submon, ensinou primeiros auxilios e técnicas apropiadas para a extracción de anzois e liberación posterior das tartarugas e explicou que o momento máis perigoso era o do izado pola súa brusquidade. Isto fixo pensar aos armadores guardeses e, tras informarse de iniciativas que están a tomar outras frotas como a norteamericana que pesca nos bancos de Terranova, decidiron deseñar os seus propios “salvatartarugas”, adaptados ás particularidades dun barco de palangre e aos diferentes tamaños deste animal que se adoitan atopar nos lances de pesca. Desta forma, e coa axuda do ferreiro da Guarda, traballaron varios meses no deseño de prototipos diferentes que foron perfeccionando a medida que tomaban forma no taller.   

 Tras varias probas, finalmente foron dous os dispositivos elixidos. Os motivos da elección son varios: apenas ocupan lugar, poden ser izados sen problema polo guindastre do barco e poden alzar con seguridade tartarugas medianas e exemplares de máis de 125 quilos. Confeccionadas en aceiro inoxidable e con redes dos propios barcos, os “salvatartarugas” de Orpagu xa están rexistrados e patentados e, antes de que acabe este ano, todos os barcos da asociación contarán cos seus dous dispositivos a bordo.  

 Desta forma, a supervivencia das tartarugas mariñas capturadas por esta frota está practicamente garantida, xa que a maioría delas teñen os anzois cravados en lugares onde a extracción é factible. De feito, os armadores da Guarda xa saben como manexar a estes réptiles, como acougarlles e ofrecerlles os coidados necesarios antes de liberalos ao mar.   

 Para o ferreiro da Guarda, César Cadilla, o encargo de Orpagu foi todo un reto e unha forma de poñer o seu gran de area a favor da sustentabilidade dos océanos. Durante varias semanas, traballou man a man con Orlando Ameal, Juan Carlos Cadilla, Joaquín Cadilla, José Mauri, Pablo Rodríguez e Jesús Manuel Pérez, todos eles armadores e pescadores que cren firmemente en que o sector debe poñer todo da súa parte para garantir a supervivencia do medio que tanto lles dá.      

O palangre de superficie, unha pesca selectiva e sostible   

 O palangre de superficie é unha modalidade de pesca que consiste en lanzar unha liña con miles de anzois ao mar. Aínda que ás veces provoca capturas accidentais, trátase dunha pesca selectiva e limpa dirixida cara a especies específicas, polo que está considerada como unha actividade sostible e respectuosa cos seres mariños.  

Submon, unha referencia no coidado do medio mariño  

 Submon, a ONG que ofreceu o curso de primeiros auxilios, realiza numerosos proxectos no ámbito da conservación, estudo e divulgación do medio mariño. Integrada por un equipo multidisciplinar de especialistas e profesionais do sector, conta con veterinarios, biólogos, enxeñeiros, submarinistas e educadores cunha experiencia de entre 10 e 20 anos traballando no medio mariño a nivel nacional e internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario