Diante da resolución do 5 de novembro de 2020 da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo sobre os permisos do persoal durante o período de emerxencia sanitaria, CIG-Saúde da comarca de Vigo quere manifestar:
A Área Sanitaria de Vigo conta cun cadro de persoal tan axustado que non permite garantir a continuidade asistencial nin xestionar as ausencias xustificadas do seu persoal.
O modelo de contratación elixido para xestionar o Hospital Álvaro Cunqueiro, con contratacións temporais e precarias en función do número de ingresos, non permitiu crear equipos estables e consolidar grupos de traballo. Este modelo de hospital acordeón precarizou as condicións de traballo do persoal que está nas listas de contratacións do SERGAS e fixo que moitas e moitos deixaran de estar dispoñibles para chamamentos.
O persoal das listas de contratacións leva sufrindo unha política de contratos por días, con chamamentos no último minuto de ausencias programadas e con contratos curtos encadeados para cubrir necesidades que son estruturais.
A crise sanitaria provocada pola COVID-19 non fai máis que desenmascarar esta situación, longamente denunciada, os cadros de persoal insuficientes precisan de persoas dispoñibles nas listas de contratacións, que se utilizan para cubrir ausencias e parchear os incrementos de necesidades asistenciais e tamén para cubrir necesidades estruturais.
Se non hai persoal dispoñible nas listas de contratacións, se os cadros de persoal están ao límite da súa capacidade para manter a continuidade asistencial, non é pola pandemia, é pola nefasta política de contratación do SERGAS nos últimos 10 anos.
Esta política de contratación de persoal veuse agravada na Área Sanitaria de Vigo coa apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro e co déficit histórico de persoal na nosa Atención Primaria.
A opinión pública debe saber quen son os responsables das dificultades para garantir a asistencia sanitaria na Atención Primaria e nos nosos hospitais, non son os permisos das traballadoras e traballadores, nin as persoas que están nas listas de contratacións, os responsables son as persoas da Xunta de Galicia e da Consellería de Sanidade que deciden as políticas de xestión do seu persoal.
A pesares de todo isto, o compromiso e o esforzo do persoal da nosa Área Sanitaria para facer fronte á pandemia da COVID-19 está garantido, e será este compromiso e este esforzo, xunto co comportamento responsable que está a ter a maioría da cidadanía, o que permitirá paliar os seus efectos.
Vigo, 7 de novembro de 2020
CIG-Saúde Comarca de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario