Coa iluminación da catedral de Santa María no marco da campaña 'Acende o Xacobeo'
A Xunta de Galicia comezou en Tui a promoción do Camiño Portugués cara o Ano Santo 2021
Luisa Piñeiro asistiu ao acto acompañada do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da corporación municipal, que amosou o seu respaldo a esta iniciativa
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, presidiu o acto na localidade tudense na compaña do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da corporación municipal
A iconografía permanecerá no templo ata o día de Nadal, ao igual que na Torre do Reló de A Guarda, e logo chegará a outras localidades desta ruta peregrina, como Caldas de Reis, Pontevedra, Vilanova ou Padrón
Infogauda / Tui
A Xunta de Galicia comezou onte á noite en Tui a promoción do Camiño Portugués cara o Ano Santo 2021 coa iluminación da Catedral de Santa María no marco da campaña Acende o Xacobeo, que chegará a 93 edificios e monumentos destacados de Galicia e doutras dez comunidades autónomas colaboradoras durante os derradeiros dez días do ano.
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, presidiu o acto na localidade tudense na compaña do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da corporación municipal, que quixo amosar coa súa presenza o seu respaldo á campaña e á promoción das distintas rutas xacobeas antes da apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago o vindeiro día 31.
“Estamos ante unha oportunidade histórica, coa que nos estamos a volcar dende a Xunta de Galicia, xa que vai ser fundamental para a reactivación do turismo e para a proxección da nosa terra no exterior, tanto a nivel nacional como internacional, grazas a un fito recoñecido en todo o mundo como é o Camiño de Santiago”, manifestou a representante autonómica.
Deste xeito, a Catedral de Tui permanecerá iluminada ata o día de Nadal, no marco da primeira fase da campaña Acende o Xacobeo, co logo desta efeméride en cor azul e coa emblemática frecha amarela tan propia destas rutas de peregrinos. Na bisbarra do Baixo Miño tamén se promocionará o percorrido luso, coa mesma iconografía e nestes mesmos días, na Torre do Reló de A Guarda - a primeira vila galega por onde transcorre o Camiño Portugués pola Costa -, así como nas cidades de Vigo e Redondela.
Posteriormente, esta
iniciativa chegará a outros edificios emblemáticos do Camiño Portugués
doutras localidades máis próximas a Santiago, como a igrexa de Santo
Tomé de Becket en Caldas de Reis, a de Santiago Apóstolo en Padrón ou a
de San Francisco en Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario