17 de dec. de 2020

O ROSAL

A San Silvestre 2020 correrase de foto en foto  

O Concello do Rosal adapta a tradicional carreira de fin de ano e pon en marcha un concurso co que fomentar o deporte ao aire libre, tendo en conta a situación epidemiolóxica  

 


 

Infogauda / O Rosal

 Nova realidade, novas formas de continuar celebrando a San Silvestre no Rosal. O Concello adaptou a tradicional carreira de fin de ano para que os rosaleiros e rosaleiras poidan seguir desfrutando do deporte saudable ao aire libre tendo en conta a actual situación epidemiolóxica e a nova realidade. Por este motivo, este ano O Rosal celebrará a ‘San Silvestre fotográfica’, un concurso aberto a todas as persoas no que para participar deberá facerse unha foto co dorsal da carreira en calquera espazo natural do concello “fomentanto así o deporte nestas datas tan entrañables ante a imposibilidade de organizar esta carreira de xeito tradicional”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández.  

 As persoas interesadas en participar deberán inscribirse no concurso os días 21, 22, 23, 28 ou 29 de decembro nas propias instalacións do Concello de 08.00 a 14.00 horas. Para anotarse será preciso facilitar nome, apelidos, DNI e número de teléfono e unha vez inscritos faráselle entrega do dorsal correspondente.  

 Na fotografía o dorsal deberá aparecer nun lugar ben visible e terá que enviarse entre o 30 de decembro e o 6 de xaneiro, ambos os dous días incluídos, por correo electrónico ao enderezo participa@concellodorosal.gal. As imaxes serán colgadas nas redes sociais do Concello a partir do día 7 de xaneiro. 

 O venres 15 de xaneiro procederase a realizar un sorteo entre todas as persoas participantes, que competirán nunha única categoría cun único premio que consistirá nunha cesta con produtos típicos do Rosal. 

 Os pais, nais e titores de menores que participen deberán asinar a autorización correspondente no momento da inscrición para poder formar parte do concurso. A participación suporá a aceptación das bases e implicará o permiso ao Concello para publicar a fotografía co nome do autor ou autora na web municipal e para arquivala na súa base de datos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario