1 de dec. de 2020

OIA

O BNG logra o acordo do Pleno do Concello de Oia para rexeitar o megaproxecto eólico na Serra do Galiñeiro, A Groba e O Merendón

Coa aprobación da moción presentada polo BNG, ínstase á Xunta de Galicia a declarar espazo protexido a zona 


   Xosé Antón Rodríguez Álvarez, portavoz municipal do BNG no Concello de Oia

Infogauda / Oia

 O portavoz municipal do BNG no concello de Oia, Xosé Antón Rodríguez Álvarez, máis coñecido como "Xúster", defendeu no pleno do concello o rexeitamento do Concello de Oia ao megaproxecto eólico previsto no Galiñeiro, A Groba e O Merendón, que foi aprobado pola corporación municipal. 

 En palabras do concelleiro nacionalista: “O sistema de implantación de parques eólicos que defende a actual Xunta de Galiza ten demostrado que non favorece nin a fixación de poboación, nin a promoción de emprego, nin a mellora significativa do servizo eléctrico, nin dos custes da electricidade, e este megaproxecto non vai ser unha excepción.” 

 Xosé Antón tamén foi crítico co xeito de tramitación deste mega-parque eólico: “Para evitar a complexa tramitación dun parque eólico de potencia superior a 50 MW, na serra da Groba proxéctanse instalar 6 miniparques de menor tamaño, o que evita a esixencia dunha Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), obrigatoria para todos os plans e proxectos de carácter supramunicipal, tal e como establecen as directivas europeas. A subdivisión dos parques nestas unidades máis pequenas constitúe claramente unha burla da lei que vulnera as directivas europeas e dificulta a participación pública da cidadanía na tramitación destes parques.” 

 Na mesma moción do Bloque Nacionalista Galego foi aprobado instar á Xunta de Galiza a declarar espazo protexido na rede natura o Galiñeiro, A Groba e o monte da Valga, e promover políticas orientadas á protección da paisaxe e o medio ambiente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario