3 de dec. de 2020

O ROSAL

O Concello restaura a Fonte de Marzán, datada do ano 1891  

O equipo de goberno municipal proponse ir recuperando pouco a pouco, este tipo de elementos patrimoniais e etnográficos cos que conta o municipio 

 

A alcaldesa e dous operarios do Concello do Rosal, xunto ao histórico lavadoiro do Campo da Fonte (Marzán)
   

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal vén de rematar as obras de restauración da Fonte de Marzán, un lavadoiro histórico situado na zona coñecida como o Campo da Fonte e que está datado do ano 1891.  

 Operarios municipais levaron a cabo nos últimos días os traballos para a limpeza do ámbito da fonte. Revisouse a canalización que trae a auga, un sumidoiro de pedra que estaba en boas condicións, e melloráronse á súa vez as drenaxes da fonte.  

 Historicamente zona de rego, aproveitáronse os traballos de restauración para arranxar as canalizacións polas que se desvía a auga dende a fonte e o lavadoiro para que os veciños e veciñas da zona poidan continuar cos labores de regadío, sobre todo no verán.

 

                      Aspecto da intervención feita no lavadoiro e no entorno
 

 Como complemento aos traballos no interior da fonte tamén se mellorou a accesibilidade creando unhas escaleiras e unha rampla, fixéronse muros de cachotería rústica de contención da estrada e construíuse unha varanda cunha fila de pedras rodeando a fonte. Ademais, preparouse un espazo de lecer e descanso con dous bancos para o uso e desfrute da veciñanza que se rematará coa colocación de elementos arbóreos.  

 Trátase dunha das primeiras accións de recuperación que levará a cabo o equipo de goberno municipal para poñer en valor aquelas construcións singulares cos que conta O Rosal, como fontes e lavadoiros, tan importantes para a sociedade rosaleira durante moitos anos. “Pouco a pouco iremos recuperando este tipo de elementos patrimoniais, dos que temos moitos por todo o municipio”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario